NOTICIAS DA RAIA | Montalegre recupera a Feira do Fumeiro, o gran evento da tradición alimentaria
"Só temos que seguir as regras. Seremos esixentes, cumpriremos máis do que se nos require", dixo Boaventura Moura, presidente da Associação de Produtores de Fumeiro da Terra Fria Barrosã, a semana pasada na última sesión preparatoria do gran evento gastronómico arraiano: a Feira do Fumeiro, que se celebrará entre mañá xoves e o domingo na localidade portuguesa de Montalegre.
Boaventura Moura, máximo responsábel da entidade co-organizadora (coa Câmara de Montalegre), advertía así de que se tomarán medidas sanitarias excepcionais. "Non teremos a feira de sempre. O espazo será para vendedores e compradores. Todos deberán someterse a test e mellorarase a embalaxe dos produtos. As condicións da pandemia así o esixen".
Con todo, os datos son notábeis: 50 expositores de fumeiro, 8 expositores doutros produtos tradicionais (mel, compotas, pan e derivados e licores), 2 de viños e 2 de artesanía non alimentaria. Mil quilos de mel, mil de compotas, mil de pan de centeo e empanadas... Esta será a 31.ª edición, reducida. Pero volverá ser presencial.
No 2020, durante a 29.ª edición, semanas antes da declaración da pandemia, visitaron a Feira do Fumeiro unhas 50.000 persoas. O impacto económico na vila, segundo cálculo da Câmara municipal, foi duns 5,9 millóns de euros (3,2 millóns no propio recinto feiral). Case o 80% dos vístante chegaron doutras localidades.
A marca Fumeiro de Montalegre, presume a organización, consolídase. Os prezos para esta edición van desde os 30 euros/quilo do salpicão (o chourizo tradicional do norte portugués) e os 27 do pressunto desosado (xamón) até os dez euros da barriga, os pés, a cabeça ou o peito.
O ano pasado, a Feira celebrouse de maneira virtual. A plataforma en liña segue a funcionar. Mais a organización quixo "dar confianza" a produtores e consumidores, en palabras do vicepresidente da Câmara de Montalegre, David Teixeira. "É un gran esforzo o que se está a facer. A clave de volver á feira física foi a vontade dos produtores e do sector hostaleiro".
Na edición do 2020, o impacto económico na vila segundo cálculo da Câmara municipal, foi duns 5,9 millóns de euros (3,2 millóns no propio recinto feiral).
Desde o 2006, a rainha do fumeiro celébrase no Parque de Exposições e Feiras de Montalegre. Pasado mañá xoves, ás 16 horas, terá lugar o acto de inauguración no auditorio municipal. Mais a feira deste ano comezou moito antes. Segundo establecen as normas, o sistema de control comeza en febreiro do ano anterior.
Os produtores deben de se inscribir indicando o número de animais que han criar para producir os fumeiros. Posteriormente, unha comisión visita aos produtores e sinaliza aos animais. Durante o ano, os produtores son visitados de forma aleatoria. A comisión, integrada tamén por produtores, verifica se a alimentación dos animais segue as pautas da alimentación tradicional.