A Xunta di que o 73,5% da poboación infantil está vacinada con polo menos unha dose

NOTICIAS A LIMIA | As máscaras xa non serán obrigatorias nos patios dos colexios

Escolares no patio do Rosalía de Castro, en Xinzo. | FOTO: Noelia Caseiro

"O subcomité clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia pola covid-19, ven de acordar na súa xuntanza de onte, deixar de recomendar o uso das máscaras nos espazos ao aire libre dos centros educativos da comunidade", anunciou a Xunta de Galicia nun comunicado de prensa este venres.


O comunicado informa de que "Galicia é a primeira comunidade en porcentaxe de poboación infantil vacinada  cun 73,5% dos nenos con polo menos unha dose, o que significa 21 puntos por riba da media do Sistema Nacional de Saúde. Así mesmo, o 41,1% dos menores de 12 anos contan coa pauta completa, 13 puntos por riba da media de España".


Estes datos son os que avalan a decisión da Xunta de Galicia de non exixir o uso das máscaras nos patios dos colexios a partir do luns nesta "nova etapa de transición".


A Xunta tamén lembrou que "as directrices desta nova vixilancia" consensúanse a nivel estatal, entre todas as comunidades autónomas, precisando a  aprobación da Comisión de Saúde Pública. "Aínda que tras a aprobación, débese deixar un período de adaptación, Galicia xa está a preparar a implementación da nova estratexia na nosa comunidade para axilizar os cambios, que se producirán atendendo á evolución da situación epidemiolóxica", di a Xunta.