domingo. 22.12.2024

"En todas as aldeas hai unha, dúas, tres mulleres que tiran da vida na aldea", sostivo Lola Rico, organizadora do acto de presentación da exposición Mulleres símbolo do rural, que se inaugurou esta tarde en Xinzo. Foi un acto emotivo. E non é un cliché. "Tiran da vida da comunidade", dixo Lola. E ese sentimento de comunidade (de mulleres, de xente do rural, das e dos de abaixo), esa xustiza reparadora das homenaxes ás esquecidas de onte e ás silenciadas de hoxe impregna cada acto deste colectivo imprescindíbel: a Escola de Saúde Rural.

Unha daquelas mulleres foi Genoveva Vázquez, a parteira da Limia. A man que une todas estas xeracións. Genoveva, conta un folleto en cada butaca da Casa da Cultura de Xinzo onde tivo lugar a celebración, naceu en agosto de 1896 e morreu en setembro de 1971, pero é recordada hoxe, como un símbolo ao que lle falta unha estatua, ou unha rúa...

Iso, unha rúa, é o que pediu a Valedora do Pobo, Dolores Fernández, diante da alcaldesa e concelleira de Igualdade, Elvira Lama, e da deputada provincial de Igualdade, Luz Doporto. E a xente aplaudiu. A alcaldesa e a deputada aplaudiron. A Escola de Saúde Rural insistiu por boca de Rosa Trujillo, sempre incisiva nos seus discursos.

A Genoveva Vázquez tíñanlle "aprobada" unha placa no Concello de Xinzo. En Porqueira prometeron máis. E agora Xinzo elevará o rango da homenaxe. Todo conta na loita. E os símbolos con estatua e rúa serven tamén para iso, para introducir cuestións políticas de actualidade que afectan decisivamente á vida das mulleres. "Que pensará Rosalía se nos escoita, que diría?", preguntouse Rosa Trujillo.

E o que fixo foi dicir que hai que mirar de cara aos problemas, e que coa auga, nesta parte do país, temos un problema, que a auga está contaminada, que o din as mulleres, e quedou dito. Pouca xente fala tan claro en público. Poucas saben elixir tan ben os momentos. Quedou dito. Porque as mulleres de abaixo non calan. E reclaman equidade, como volveu repetir Lola Rico, que antes, hai quince días, dixo o mesmo na Forxa. 

E os símbolos con estatua e rúa serven tamén para iso, para introducir cuestións políticas de actualidade que afectan decisivamente á vida das mulleres.

Genoveva, conta o folleto, está soterrada no cemiterio de Santa Mariña de Xinzo. Hoxe algunhas das súas viñeron desde Valencia e agradeceron a todas o cariño. Algunhas emocionáronse. E falaron moitas. Unha enfermeira, unha fotógrafa xa xubilada, unha artesá do Entroido... 

Os actos da Escola de Saúde Rural son sitios para falar, falar todo o que sexa preciso, sentirse en comunidade, xuntas, celebrar eses símbolos... e non importa que as políticas introduzan mensaxes propagandísticos sobre o Camiño de Santiago ou sobre a desgraza da guerra. Ao final, fala tanta xente que acaba unha por escoitar cousas que non se escoitan acotío... Non se perdan a próxima homenaxe.

NOTICIAS A LIMIA | A Valedora pide unha rúa en Xinzo para Genoveva Vázquez