A axenda feminista reactívase en Xinzo de cara ao 8M. O acto institucional celebrase o martes ás 10:00 horas ás portas da Casa do Concello. Mais antes xa haberá actividade dinamizada por colectivos sociais e mesmo iniciativa privada. Este é un avance das propostas de acción feminista en Xinzo para a próxima semana.
ENTRE IGUAIS. O Centro de Desenvolvemento Rural O Viso arranca a campaña de sensibilización Entre Iguais o luns día 7 co alumnado do CEIP de Rairiz de Veiga e de Sandiás. “Realizaranse dinámicas participativas para darlle voz a todas as rapazas e rapaces sobre a igualdade, os roles de xénero e as desigualdades que estes roles xeran”, informan desde a asociación.
Nos días seguintes, a campaña visitará os CEIP dos Blancos, Vilar de Barrio, Sarreaus e Baltar. “Pretendemos concienciar, reflexionar e debater co alumnado de primaria do rural limiá sobre a necesidade de relacionarse desde o respecto e recoñecemento mutuo para que as experiencias vitais non estean marcadas pola imposición de roles que diten o que as persoas deben facer, en función do seu sexo”, din desde O Viso.
CASA DO CONCELLO, DÍA 8. O acto institucional madrugará. Celebrarase o martes, día 8, ás 10:00 horas diante da Casa do Concello coa participación dos membros da corporación municipal, coa responsábel de Igualdade, a alcaldesa Elvira Lama, á fronte. A axenda política do goberno obrigou a adiantar á convocatoria a primeira hora da mañá, informan desde o CIM de Xinzo.
Ese mesmo día, o Centro de Información á Muller instalará unha carpa na praza Maior. Estarán entre as 9:00 e as 13:00 horas, con novos folletos e material de sensibilización. Dous días máis tarde, o xoves 10, o director do CIM, José Luis Saborido, ofrecerá unha charla na Casa da Cultura de Xinzo. Será ás 10:30 horas, organizada polos socios do Banco de Tempo, e baixo o título Promoción da igualdade: inquietudes da muller no rural. O Centro de Información á Muller repetirá esa charla o día 15 no Centro Social de Arnuide, e o xoves 24 de marzo na Escola Rural de Saúde da Limia.
ÁGORA. A tenda Ágora, inaugurada o pasado outono na avenida de Madrid, converterase este martes nun espazo para o debate e a conversa feminista. “A nosa idea é desenvolver accións de empoderamento das mulleres, e xa estamos pensando en facer este tipo de encontros o día 8 de cada mes”, indica Sonia Trigo, responsábel da tenda-café.
Este martes a actividade comezará ás 17:00 horas cun obradoiro de imaxe e maquillaxe; e a continuación, celebrarase un coloquio coa psicóloga Ana Fernández sobre malos tratos non visíbeis, e despois un debate sobre sexualidade dinamizado pola propia Sonia Trigo. Tamén haberá tempo para un taller sobre as linguaxes do amor, e lectura de poemas por parte de membros da Escola Rural de Saúde da Limia.
A ESCOLA RURAL. Precisamente a Escola Rural de Saúde da Limia inaugura neste encontro o seu programa de actividades de marzo ao redor do 8M. O xoves día 10, ás 18:00 horas na sede da Escola na Casa da Cultura de Xinzo, terá lugar a charla De Rosalía de Castro a nosotr@s. A muller sen habitación propia. O día 17 de marzo, no mesmo horario, celebrarase unha conferencia sobre as mulleres maiores e o avellentamento; e o día 24, a xa anotada charla do CIM sobre as inquietudes da muller no rural.