jueves. 21.11.2024

O Mercado de Artesanía e Produto Local celebrará a súa oitava edición, a primeira da pospandemia, o sábado día 21 de maio a partir das 12:00 horas do mediodía. A organización, na que participan o Museo da Limia, a Arca da Noe e a asociación Limar, avanzou hoxe que xa conta con 25 expositores inscritos.


No Mercado estarán os artesáns reunidos na asociación, que montarán os seus postos no patio do Museo, ademais doutros obradoiros de artesanía de diferentes zonas do país. Tamén haberá expositores de gastronomía, entre eles, Carabuñas (marmeladas), Faragullas (pan), Shiitake de Trives (setas) e A Lareca de Cangas (conservas).


O mercado despregarase desde o Museo por todo o casco antigo de Vilar de Santos, até a Arca da Noe, e ás portas do Museo durante varios momentos do día haberá exposición dos traballos dos artesáns. 


Ademais, celebrarase no mesmo espazo unha palestra sobre as mulleres na produción de proximidade, haberá un pasarrúas, actuación dun grupo de pandeireteiras e folk a cargo de Faltriqueira, de Pontedeume, que celebran este ano o vinte aniversario do lanzamento do seu primeiro disco. Tamén haberá actividades para os cativos.


O programa aínda está por rematar, e fai parte dun maio intenso en Vilar de Santos, que terá outro punto forte na Festa das Letras na Arca, o sábado anterior, día 14, que inclúe unha homenaxe a Isaac Alonso Estraviz, e outra cita co VenRespiRar (festa tradicional itinerante), o 28, despois da que se celebrou en Meaus (Baltar) este último sábado de abril.

AXENDA | O Mercado de Artesanía e Produto Local volve a Vilar de Santos