“Cómicos da legua é un espectáculo de Viravolta Títeres que a través das formas do bululú (cego e lazarillo) e do ñaque (músico e titiriteira) en breves episodios dramáticos convídase ó público a gozar cos personaxes do universo da picaresca e da literatura do cordel”, conta na información promocional o programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia, que pasado mañá, mércores día 12, chega a Trasmiras: ás 12:00 horas na praza do Concello.
O espectáculo pasou por Xinzo de Limia, Monterrei, Oímbra e Verín nos últimos días, da man de Viravolta Títeres, unha compañía de teatro con 40 anos de historia e da que fan parte Anxo García, Pilar Álvarez e Xulio Balado.
O proxecto Cómicos da Legua na Raia Seca inclúe unha produción audiovisual que relata a peregrinaxe dun grupo de cómicos a Compostela. Dirixido por Anxo Álvarez, o documental “permite á audiencia se testemuña das aventuras e desventuras desta troupe durante o seu paso pola raia seca”.
Cómicos da Legua na Raia Seca conta coa axuda da Secretaría Xeral de Política Lingüística a través da Rede de Dinamización Lingüística.