jueves. 21.11.2024

A música e o baile volven ser as protagonistas na axenda para a fin de semana na Limia. Mais tamén haberá atletismo popular en Xinzo o domingo, como proposta para todas as idades. Para  todos os públicos é tamén o filme de aventuras bélicas que pasa estes días o Cine Gesma.


VenRespiRar na Arca
A festa tradicional itinerante que organiza a asociación Algaravia fai parada este sábado no espazo Carabuñas da Arca da Noe en Vilar de Santos. A festa, que hai apenas unhas semanas se celebrou en Meaus (Baltar), arrancará nesta ocasión cun obradoiro de danzas a cargo de Serxio Cobos. Despois do xantar, terá lugar o baile-concerto, co propio Cobos e Rabeira. A foliada que pechará o día empezará ás sete da tarde no espazo Carabuñas, no lugar de Sanguñedo (Vilar de Santos).

algaravia venrespirar
algaravia venrespirar


Tom Cruise, de novo Top Gun
​O regreso de Tom Cruise ao papel de Pete Mitchel, 36 anos despois da célebre Top Gun, acapara a carteleira do Cine Gesma para esta fin de semana de estrea. O sábado haberá pases de Top Gun: Maverick ás 20:00 horas e ás 22:30. O domingo as proxeccións serán ás 17:30, 20:00 e 22:30 horas. “Una película que juega abiertamente a la nostalgia, de la historia original y de una forma de concebir el cine de gran aparato”, opinou o crítico Quim Casas en El Periódico.

Máis de 200 inscritos na popular
A carreira popular do domingo pola mañá polas rúas de Xinzo, máis que un evento deportivo é un evento social. A inscrición pechouse con 240 inscritas e inscritos, segundo informou o Concello de Xinzo, organizador da proba, que conta coa colaboración do club de atletismo Limia Activa. Os quilómetros de percorrido variarán en función das categorías. Así, a carreira absoluta terá un total de 10 quilómetros, mentres que serán 1.900 metros na proba de infantil-cadete; 930 metros na de benxamín-alevín; 350 metros na pre-benxamín e 150 metros na categoría pitufos. 


Desfile de complementos
Mañá sábado, na tenda Ágora, a partir das 12:30 horas terá lugar un desfile de moda de complementos. As tendas que xa confirmaron a súa participación no desfile son, ademais da propia Ágora, os establecementos multimarca Miss-tic e Antollos e o Centro Óptico Losada.


A ter en conta
Para a seguinte fin de semana, a primeira do mes de xuño, cómpre ter en conta que xa están á venda as entradas para o concerto de Alfonso Medela Trío na Corte dos Bois (Sandiás). O concerto celebrarase o sábado día 4 ás 21:00 horas. As reservas poden facerse no teléfono: 628594433.

AXENDA | Foliada o sábado e carreira popular o domingo