miércoles. 02.04.2025

No vindeiro pleno da Deputación de Ourense debatirase unha iniciativa do Grupo Provincial Socialista que busca mellorar os mecanismos de financiamento ante o "perigo de viabilidade" de até 36 dos 92 concellos da provincia do que informaba recentemente o Consello de Contas de Galicia.

A institución encargada do control externo da actividade económica e financeira do sector público galego publicaba un informe no que deixaba de manifesto que "a complexidade administrativa e a burocracia supoñen unha carga adicional para entidades que carecen de persoal e recursos para xestionar os proxectos e servizos encomendados". Servizos que, moitas veces, son competencia doutra administración. É o caso, por exemplo, da axuda a domicilio ou da carga económica que supón para un concello rural a atención de instalacións como colexios ou o centros de saúde.


"A moción busca dar resposta aos graves desafíos que enfrontan os nosos municipios, nomeadamente os pequenos, que ademais deben acometer problemas estruturais que, coma o despoboamento e o envellecemento demográfico, acentúan o infrafinanciamento crónico do que adoecen", subliña Aurentino Alonso, deputado socialista pola comarca de Valdeorras.

Adaptar o modelo de financiamento ás necesidades actuais

Insisten os socialistas da "situación crítica" que atravesan os municipios máis cativos do rural por verse na obriga de atender e sufragar cada vez máis amplos e novos servizos. Motivo polo que presentarán a moción na Deputación de Ourense co obxectivo de "revisar o sistema de financiamento para adaptalo ás necesidades actuais". Diste xeito, o Grupo Provincial Socialista fai fincapé no Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia, de onde proveñen parte importante dos fondos e que leva sen modificarse desde o ano 2009.

O alcalde do Bolo, Alberto Vázquez, aproveitaba para subliñar que "as competencias impropias afogan aos concellos" e comprometen a súa estabilidade. Este pequeno municipio rural é un claro exemplo da situación, tan só recibirá da Xunta 122.000 dos 202.000 euros que precisa para a axuda no fogar; un servizo cada vez máis demandado que é competencia da Xunta. Ante este escenario, os socialistas propoñen medidas específicas dirixidas ao Estado, para que afronte a reforma en profundidade do sistema de financiamento das administracións locais, e á Xunta de Galicia, para que actualice o monto do financiamento dirixido aos concellos. 

O PSdeG pide á Xunta que se faga cargo das "competencias impropias" dos Concellos