Queixa do BNG porque non se cubriu a baixa por covid esta semana

NOTICIAS A LIMIA | O alcalde asegura que Trasmiras recuperará a médica en cuestión de días

Centro de saúde de Trasmiras.

“Desde o primeiro momento púxenme en contacto coa xerencia da Área Sanitaria de Ourense. Explicáronme que hai 25 médicos e médicas de baixa en Atención Primaria e que están tendo dificultades para cubrir as ausencias”, di Emilio Pazos, alcalde de Trasmiras, ao Diario do Limia.


O alcalde sinala que o xoves, despois do atraso na cobertura da baixa da médica de Trasmiras (ausente por covid ao parecer desde o martes), reclamou por escrito, “con rexistro de entrada o venres”, unha solución á Área Sanitaria. 


“Nos próximos días, en canto a facultativa supere o contaxio, reincorporarase ao seu posto”, asegura Pazos, quen lembra que esta médica está desenvolvendo unha substitución do médico titular, cunha baixa longa por enfermidade. 


Pazos (PP) respondeu a unha queixa de Mar Alonso, concelleira do BNG, quen publicou onte unha nota de prensa alertando de que “veciñas e veciños de Trasmiras levan días desprazándose a Sarreaus, e mesmo son derivados a urxencias para poder ser atendidos”.


A concelleira nacionalista tamén aseguraba que “cando falta o médico no concello veciño de Sarreaus, a nosa médica desprázase ata alí para pasar consultas, pero se a baixa afecta á nosa médica, somos nós os que temos que desprazarnos ata Sarreaus”. O alcalde sinala que esta cuestión obedece, segundo lle explicou o xerente da Área, Félix Rubial, a diferencias contractuais entre as facultativas. Así, mentres a médica substituta si pode ser requirida para desprazarse a outro centro de saúde, a titular de Sarreaus non ten esa obriga.