domingo. 24.11.2024

A I Subida a Vilar de Barrio pechou unha gran fin de semana coa victoria de Jacobo Senín e a súa barqueta Nova, que se impuxo a José Antonio López-Fombona e o seu Audi DTM. Dende a organización desta primeira proba automobilística de montaña na comarca da Limia, destacan a "calidade" tanto de pilotos como de equipos presentes e o "éxito" de seguemento que colleitou.

Esta competición, que se enmarca no Campionato de España de Montaña, contou con algúns participantes habituais nesta proba nacional, xa que a Subida a Vilar de Barrio era puntuable para a clasificación xeral. En total, 30 inscritos tomaron a saída nas dúas mangas que tiveron lugar o sábado e o domingo.

A climatoloxía foi moi cambiante nos dous días de proba. O primeiro transcorreu con sol e unha boa temperatura, mentres que o domingo estivo marcado pola chuvia. A barqueta Nova NP01 do compostelán Jacobo Senín e o Audi RS 5 DTM do asturiano José Antonio López-Fombona non defraudaron ós afeccionados presentes en Vilar de Barrio. Tampouco o fixeron os vigueses Jorge Pérez (Porsche 911 GT3 Cup) e Álex Pais (Renault Clìo RS N5), que se uniron a Senín e a López-Fombona nas prazas de cabeza na clasificación. Este último destacou nos tempos feitos o domingo nunhas condicións climatolóxicas máis complexas.

Senín, Fombona e Pérez compuxeron o podio final desta I Subida a Vilar de Barrio, seguidos de Jonathan Abadín e o seu Fórmula Outeda Barqueta, mentres que a quinta posición foi para Miguel Ángel Rodríguez cun Fórmula Outeda. No apartado de históricos, o "Trofeo Fullslip" acabou nas mans de Javier Carballo cun Ford Escort RS 2000.

NOTICIAS A LIMIA | Jacobo Senín convértese no primeiro gañador da Subida a Vilar de Barrio