O Concello de Vilar de Barrio comezará esta semana unha variada programación de Nadal para acompañar á veciñanza nestas datas festivas. O venres darán comezo ao II Concurso de Engalanado Navideño, polo que haberá que estar pendente das redes sociais para coñecer ós participantes.
Coas vacacións de Nadal comezadas, os cativos poderán desfrutar dos inchables que se instalarán durante a fin de semana no Pavillón de Deportes, a partir das 12:00 horas tanto o sábado como o domingo. Ademais, o día 25 celebrarase o I Festival do Nadal na Biblioteca do concello. Esta actividade, dirixida tanto para nenos como para maiores, contará cunha representación teatral e o canto de panxoliñas da man dos cativos de Vilar de Barrio, o mago José Rivera ofrecerá un espectáculo de maxia, recolleranse as cartas dos pequenos para entregarllas ós Reis Magos e haberá unha chocolatada.
O 29 de decembro, os rapaces terán unha visita a Pazolandia, en Ourense. Os cativos teñen ata este mércores para inscribirse no teléfono 988 449 001 e así participar nesta actividade de balde. O autobús partirá ás 10:00 horas da Praza do Toural e volverá ás 13:00 horas.
Antes de rematar o ano, o día 30, organizarase un mercado solidario no Pavillón de Deportes a partir das 17:00 horas. Para colaborar nesta iniciativa solidaria hai que chamar ao 988 449 001, onde informará do xeito no que se pode facer. O grupo Os do Fuelle amenizará esta xornada que rematará cunha chocolatada.
O 2023 comezará co anuncio dos gañadores do concurso de Nadal e a entrega de premios, que se fará no Concello ao longo desa semana. A programación de Nadal en Vilar de Barrio rematará coa chegada dos Reis Magos, que farán un percorrido pola aldea de Arnuide. Ademais, entregarán regalos aos nenos, previa inscrición no Festival de Nadal ou chamando ao 677 85 70 49.