O centro de saúde de Vilar de Barrio rematou as obras de reforma que se acometeron no interior das súas instalacións. Para comprobar o resultado, o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; e o xerente da área sanitaria, Félix Rubial; visitaron o centro acompañados do alcalde da localidade, Manuel Conde; e tamén polo persoal sanitario que presta atención á veciñanza de Vilar de Barrio.
A obra consistiu na reparación das portas interiores, pintáronse as paredes e tamén se substituíron os estores. O orzamento polo que a reforma foi executada chegou aos 8.900 euros, como resultado dun convenio entra a Xunta e o Concello de Vilar de Barrio, xa que é un edificio de titularidade municipal. Unha vez aprobado o presuposto, o administración local foi a encargada de levar a cabo as actuacións necesarias para a correcta execución das obras, coa redacción do documento técnico necesario para a súa licitación e execución.
A Xunta colabora cos concellos nos que os centros de saúde son de titularidade municipal, polo que, dende o 2017, a distribución que fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento destas instalacións sanitarios de titularidade municipal.
A partida nos orzamentos do 2023 contempla un incremento ata os 2,6 millóns de euros destinados ao apoio destas entidades locais. No caso de Vilar de Barrio, ao longo do 2022 recibiu a cantidade de 12.216,9 euros para sufragar gastos de mantemento do seu centro de saúde. Dende o 2017 e no conxunto de Galicia, o Goberno autonómico destinou máis de 15 millóns de euros para financiar o funcionamento de 156 instalacións sanitaria deste tipo que son de titularidade municipal.