jueves. 21.11.2024

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén,  e o alcalde de Vilar de Barrio, Manuel Conde (BNG), formalizaron onte unha "proposta de convenio que permitiría levar a cabo unha serie de melloras do centro de saúde do concello", informou a Delegación da Xunta este venres. O gasto previsto é de 8.900 euros. Renovaranse as persianas, e pintaranse as paredes e as portas. O Concello de Vilar de Barrio achegará a metade do gasto.


Mais Vilar de Barrio busca un compromiso maior por parte da Xunta. O edificio é de titularidade municipal. "Unha disfunción", comenta o alcalde. Hai unha semana o pleno acordou unha modificación orzamentaria para facer fronte a eses 4.450 euros. A idea inicial era cambiar só as persianas, "moi deterioradas, teñen máis de 30 anos", explica Conde. Despois, o goberno local viu a oportunidade de acometer unha pequena reforma. Mais a intención e que a Xunta se faga cargo do edificio e do seu mantemento.


"Hai un acordo entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios pola que calquera concello que solicite a transferencia á Xunta do centro de saúde, a Xunta debe aceptar", aclara Manuel Conde. Vilar de Barrio aínda non comezou o trámite, porque "o máis urxente era solucionar os problemas do edificio", indica o rexedor nacionalista. 


Como insistiu no pleno do pasado día 18, a caixa do Concello de Vilar de Barrio non dá para soster determinadas infraestruturas por si soa. Así que o alcalde presentou á corporación unha morea de subvencións ás que o goberno local está concorrendo. Teñen a intención de arranxar tamén a biblioteca e o arquivo municipal, e tamén a propia casa consistorial.

Na nota de prensa difundida onte pola Delegación da Xunta en Ourense, advírtese de que "levaríanse a cabo as obras de forma coordinada para non interromper a prestación sanitaria durante o desenvolvemento das mesmas, garantindo en todo momento a calidade asistencial dos veciños asignados a este centro".

NOTICIAS DA LIMIA | Vilar de Barrio pedirá que a Xunta asuma a propiedade do Centro de...