David Fernández Calviño, doutor en Ciencias do Solo e investigador da Universidade de Vigo e un dos responsábeis do estudo SoildiverAgro no que colabora tamén o Inorde, anunciou onte en Vilar de Barrio, durante unha conferencia no marco da 43 edición da Festa da Pataca, que o próximo mes de decembro serán presentados en Xinzo os resultados preliminares dunha investigación que propón a substitución de nutrientes químicos por nitróxeno, fósforo e potasio de orixe natural.
Fernández Calviño explicou o contexto actual de escaseza e suba de prezos da fertilización química e advertiu de problemas de subministro a curto e medio prazo. Despois incidiu nas iniciativas da Unión Europea para incentivar a substitución destes produtos e debuxou algunha das alternativas. Falou de rotación de cultivos coa inclusión de leguminosas para potenciar de forma natural o nitróxeno nos terreos. E tamén da introdución de microorganismos, como fungos, para aumentar do mesmo xeito o fósforo e o potasio que precisan, entre outros, o cultivo da pataca.
O investigador detallou os ensaios realizados en parcelas da Limia e mostrouse optimista cos resultados en canto á produtividade, alén da rebaixa de custes e da redución da contaminación do solo. Mais advertiu que a mostra é moi pequena e dixo que, a partir da publicación destes primeiros estudos, convidarase a agricultores da Limia e doutras partes do país a experimentar estas prácticas para comprobar o resultado nunha mostra máis ampla e significativa a respecto dos resultados desta substitución.
“Se os resultados corroboran os que xa temos, será o momento de empezar esa substitución”, dixo o investigador. E referiuse ademais a outras alternativas para limitar o impacto de fertilizantes químicos. “A primeira, o uso de fertilizantes orgánicos, cun uso correcto”, matizou, para despois considerar que “nesta comarca tense feito un uso masivo e sen control en moitos casos”.
Tamén explicou, no marco doutro estudo, prácticas para reducir o uso de funxicidas e outros produtos químicos contra as pragas. O Inorde e a Universidade de Vigo xa comezaron a experimentar sistemas de alerta en parcelas de ensaio a través dos cales están a determinar o momento preciso para a aplicación de químicos limitando o uso periódico. Tamén experimentan con “plantas trampa” para o control dos nematodos.
Falou de rotación de cultivos coa inclusión de leguminosas para potenciar de forma natural o nitróxeno nos terreos. E tamén da introdución de microorganismos, como fungos, para aumentar do mesmo xeito o fósforo e o potasio que precisan, entre outros, o cultivo da pataca.
“O obxectivo é tanto reducir o risco de que vexamos limitado o cultivo pola imposición de nova normativa a respecto da aplicación de químicos, como incrementar a produtividade con alternativas que benefician os solos”, explicou Fernández Calviño.
Na conferencia, que se celebrou onte pola tarde na praza do Toural de Vilar de Barrio, é á que asistiron, entre outros, membros da corporación municipal de Vilar de Santos, co alcalde, Manuel Conde á cabeza, dos sindicatos agrarios e da Administración, como Servando Álvarez, do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro en Xinzo, tamén se fixo referencia a outras prácticas “que gañarán peso no futuro e mesmo condicionarán as axudas da PAC”, indicou Fernández Calviño.
Sinalou o investigador aspectos como a necesaria expansión dos corta-ventos, así como á da vexetación riparia (que aporta materia orgánica e outros hábitats) e dos humidais, e aludiu neste punto á deficiente xestión da vexetación das canles de auga na Limia. A respecto doutra recomendación, a presenza de vexetación auxiliar nas explotacións, Calviño considerou que A Limia está ben dotada de pequenas áreas de bosque entre as parcelas de cultivos.
Óscar Riveiro, a pataca en ecolóxico
O produtor en ecolóxico da Terra Cha lucense, Óscar Riveiro, explicou no ciclo de conferencias de Vilar de Barrio a súa experiencia baixo as normas da agricultura ecolóxica. Dixo que o órgano regulador estipula que as parcelas que muden cara á produción ecolóxica deben estar dous anos sen producir antes da introdución das novas prácticas. Advertiu que en determinados terreos a produtividade alcanza o pico nos primeiros anos. Comentou que os abonos que teñen autorizados “cada vez son mellores, máis aínda non alcanzaron o cento por cento a respecto dos resultados dos fertilizantes”. E describiu os beneficios do abono con algas como bioestimulante e tamén para o control de pragas.
Riveiro, a preguntas do público, resumiu a potencialidade da produción en ecolóxico: “A terra é sabia e vai elixindo o que lle é bo e eliminando o que resulta malo. Simplemente hai que lle dar tempo, e ela mesma se auto-regula”.