En Maus (Vilar de Barrio) a veciñanza convive coa vía e co paso dos trens a pouco máis de 100 metros das casas

NOTICIAS A LIMIA | Tres veciños do AVE, tres visións dun mesmo tren

Un dos veciños de Maus, ás portas da súa casa, co viaduto do AVE detrás del.

O AVE entre Lubián (Zamora) e Ourense é unha sucesión de túneles -126 quilómetros de trazado subterráneo- ligados por enormes viadutos que aparecen de súpeto para ser inmediatamente devorados pola seguinte montaña. E así pasa o tren desde Maus. Un chascado repentino. Case non se ve; case non se oe.

“Pero si que se oe”, di Manuel, que leva vivindo 57 anos nunha casa que abre a fachada cara o novo viaduto. “Antes había unha ponte, a do vello ferrocarril, que estaba máis separada da aldea”. Manuel di que lle gusta o AVE, que aínda non o probou, pero que lle gustaría facer unha viaxe nel.

Enfronte da casa de Manuel, de costas á vía, está o taller de aluminio de Julio. El traballou nas obras, nos túneles. “Para min foi unha boa cousa que viñera o AVE, estiven aí dous anos, rematando o interior dos túneles. Fixéronse túneles enormes e deu traballo a moita xente”.

O AVE, neste tramo zamorano-ourensán, construíronse 31 túneles. O 61% do trazado vai baixo as montañas. O máis largo dos túneles é o do Corgo (8,6 quilómetros), que está xusto antes do de Porto, polo que saen as máquinas disparadas sobre Maus, en dirección Ourense, antes de ser tragadas no seguinte: Miamán. 

Hai varias aldeas moi preto das vías. As obras comezaron a finais dos noventa. Sixto, que ten a casa ao lado do taller de aluminio, e unha corte a menos de cen metros o viaduto, conta esta mañá de finais de xaneiros, coa finca aínda xeada, que a el o AVE nin lle vai nin lle vén. “Non teño pensado collelo. A última vez que fun en tren, ía a mili”. Hoxe ten 52 anos, xa non hai mili [o servizo militar, para os máis mozos] nin aqueles convois que levaban dez horas a Madrid-Atocha. 

Sixto, nunha finca da súa propiedade ao lado da casa en Maus.

“O mesmo en Porto sénteno máis”, di Sixto, “están un pouco máis separados das vías, e pola altura, parece que se sente máis. Aquí somos vinte e pico veciños, e non nos queixamos. Pero, cando as obras, derramaron pistas e camiños. O peor era o po que levantaron. A min enfermáronme dous cabalos. Quedou como quedou... que lle imos facer”.

Aldea de Maus, co viaduto do AVE detrás.

O concello de Vilar de Barrio perdeu as dúas estacións de tren que tiña, a de Borrán e a de Prado. “Aquí escaralláronse fincas e camiños e agora, se quixera coller o tren, tería que ir a Ourense ou se non, A Gudiña”, resume Sixto. A de Borrán estaba a menos de dous quilómetros da súa casa. Agora, a estación que teñen máis preto de Maus é parte da infraestrutura eléctrica do AVE, a 400 metros da casa de Sixto.

Julio, co viaduto ás costas do seu taller de aluminios.

Julio leva 25 anos co taller. “O ruído nótase, claro. Asubía... Hai uns oito viaxes ida e volta, me parece”. O viaduto empeza antes da aldea de Porto e percorre algo menos de tres quilómetros até o monte ao oeste de Maus. Son as dez e media da mañá e nun intre aparecen e desaparecen dous trens en direccións opostas. 

“Farían falta unhas pantallas aí arriba para conter un pouco o ruído. Aínda están a tempo de poñelas”, comenta Manuel, “deberían facelo, porque xa soportamos bastante nas obras”. E lembra que as máquinas empezaron a entrar nas fincas mesmo antes de telas expropiado. E lamenta que pecharan camiños, “como ese que subía por onde a casa do Sixto e que era moi utilizado”

Manuel, veciño de Maus, xunto estrada diante da súa casa.

“Puidéronse facer mais cousas para as aldeas, si, algún equipamento, por exemplo, para compensar o que se perdeu”, concede Julio. “Quedaron detalles por rematar, pero aquí somos pouco veciños, quedou a cousa así e un polo outro...”, conclúe Manuel.