NOTICIAS A LIMIA | Sucesión entre amigos en Vilar de Santos
"Isto é Vilar de Santos", dixo nun momento do seu discurso Antonio Míguez, despois de prometer como alcalde, moi emocionado, diante dun salón de actos no que non colleu toda a veciñanza que quería despedir a Xan Xardón e recibilo el. O novo rexedor expresaba así como van as cousas en Vilar de Santos, onde as cadeiras non producen adicción, o voto é sempre a man alzada e os coitelos non son útiles de política. Polo menos, iso parece.
Isto é Vilar de Santos, un concello de menos de 800 habitantes, cun polígono industrial vizoso, toda a carteira de servizos (agás colexio), actividade cultural robusta e unha area política na que manda un partido independente que ocupa todos os escanos da corporación e encadea maiorías absolutas elección tras elección arrímese a quen se arrime.
Aquí en Vilar de Santos, a política é a gran comunidade de veciños e familiares, unha fraternidade. "Iso é o que temos aquí, que veu Xan e superoume a min en canto á atención aos veciños e á mellora dos servizos, e esperemos que o que vén supere ao anterior", explica Antón Xardón, alcalde até o 2005, xusto antes do comezo do pleno que cita máis dun cento de persoas. E todas non collen no salón de actos, pero as que quedan fóra esperan.
Dentro, Xan Xardón, o alcalde sainte, abraza ao seu sucesor, Antonio Míguez, o novo alcalde, até hoxe tenente de alcalde. Dentro están os concelleiros agarimando a Míguez, que non puido rematar o seu discurso, escrito nun par de follas, no que deu as grazas a moita xente, empezando polo cura de Parada,"o sétimo alcalde".
Antonio será o sexto "da democracia". E prometeu, seguindo o protocolo, lealdade ao Rey e á Constitución, e despois declarou que eles, a fraternidade, son "nacionalistas e progresistas" e están de parte dos débiles, mais por riba de todo están de parte de Vilar de Santos. Foi unha sucesión entre amigos, case unha festa dunha familia grande á que foron convidados dous concelleiros de Xinzo (Amador Díaz e Ramón Gómez) e o alcalde de Vilar de Barrio, Manuel Conde, un nacionalista. Houbo abrazos entre todos. E moito cariño para Xan Xardón.
Xan Xardón chegou sen présa, demorouse nos saúdos e nas fotos, pasou ao salón a probar os micros, pediu á xente que se fose sentando, falou o xusto e pasou discreto a un segundo plano animando ao xa alcalde cada vez que este detiña o discurso porque lle viñan as bágoas. Antonio Míguez dixo moitas cousas coa voz entrecortada, mais nunha púxose solemne. "Son un alcalde de transición", dixo. Os relevos aquí non xeran inquedanza. Polo menos, aparentemente. Isto é Vilar de Santos. Nos primeiros tres meses do ano naceron ou nacerán tres nenos, informou o xa alcalde á veciñanza. Despois de máis abrazos, marcharon tomar un viño.