O alcalde, Antonio Míguez, entrevistouse co presidente do organismo de cunca

NOTICIAS A LIMIA | Vilar de Santos recorre á CHMS para rematar obras na Rúa do Seixo

José Antonio Quiroga e Antonio Míguez, onte na sede da CHMS en Ourense. | FOTO: Concello de Vilar de Santos.

“Non falamos de cartos, porque non estamos aínda nese momento, pero podo dicir que atopei moita sensibilidade por parte do presidente da Confederación Hidrográfica Miño Sil (CHMS) con todo o que ten a ver coas augas na Limia”, explica Antonio Míguez ao Diario do Limia este xoves, despois da reunión de onte con José Antonio Quiroga.


A intención do goberno de Vilar de Santos é completar as obras na Rúa do Seixo, no núcleo da capitalidade do concello. As dúas primeiras fases supuxeron un investimento duns 300.000 euros. “Posibelmente sexa a actuación máis importante neste mandato, había que canalizar a luz e as infraestruturas das augas. O que lle pedimos á Confederación é que bote unha man coas canalizacións fluviais”, comenta Míguez.


“Non é para xa mesmo”, matiza o alcalde, “pero foi un primeiro paso e temos o compromiso de que eles se encargarían do estudo e do proxecto”. 


A Confederación Hidrográfica Miño Sil ten en marcha varios proxectos de calado na Limia. Os máis importantes están en Xinzo: Trandeiras, a presa de Faramontaos, e o saneamento da marxe esquerda do Limia. Mais tamén está traballando con outros concellos, como Baltar e Vilar de Barrio, onde está pendente unha intervención sobre presas no Arnoia que a veciñanza quere manter.