Vilar de Santos volve ao pasado para celebrar o Beltaine na segunda Festa da Arracada
O vindeiro sábado 26 de abril, a pequena aldea de Saa (Vilar de Santos) converterase nun escenario vivo de celebración, simbolismo e memoria ancestral coa chegada da Festa da Arracada – Ano II, dedicada á festividade do Beltaine, un dos grandes momentos do calendario celta.
Organizada polo Concello de Vilar de Santos, coa colaboración de Civitas Limicorum, esta xornada pretende ser unha ponte entre o pasado e o presente, recuperando e reinterpretando rituais e tradicións vencelladas á chegada do bo tempo, á fecundidade da terra e aos ciclos da natureza.
A programación incluirá actividades pensadas para todos os públicos e converterá Saa nun espazo único de encontro coa cultura, a música, a simboloxía e a convivencia. Nas vindeiras datas daranse a coñecer todos os detalles da festa, que promete consolidarse como unha cita imprescindible no calendario cultural da comarca.