AMPLIACIÓN | Os roubos na Casa da Cultura afectan polo menos a un despacho e unha aula
Non só a asociación Escola Rural de Saúde da Limia bota en falta material da súa aula na Casa da Cultura de Xinzo, o propio Concello de Xinzo de Limia denunciou esta mañá, diante da Policía Local, o roubo dun ordenador e dun proxector do despacho do coordinador municipal de Cultura, na mesma planta do edificio.
Fontes municipais explicaron ao Diario do Limia que “desde hai uns días” bótase en falta un ordenador portátil que permanecía gardado no seu maletín. Non se denunciou até esta mañá, aseguran, porque podía ser “que o collera calquera traballador”. Mais este martes tamén advertiron a falta dun proxector no mesmo despacho.
“O técnico de Cultura avisou á alcaldesa e ao concelleiro de Cultura desta circunstancia e do asunto da porta forzada na aula que utiliza a Escola Rural de Saúde. Polo que sabemos, non se detectou ningún outro espazo afectado e a porta principal está intacta, non foi forzada”, indican as fontes.
Ademais deste material municipal, desde a Escola Rural de Saúde informaron esta mañá de que nas últimas semanas levan desaparecido da súa aula na segunda planta da Casa da Cultura unha cámara web, un proxector e un altofalante; e, desde este mesmo martes, un monitor de ordenador e outro xogo de altofalantes. Tamén sinalan que lles foron roubados 240 euros, cartos procedentes de cotas de socios e dalgunha doazón. E inclúen os danos na porta e na pechadura, así como en caixóns e outro mobiliario.
Ás 20:00 horas, o Diario do Limia non puido confirmar que as responsábeis da Escola Rural de Saúde, que esta tarde tiñan un acto en Sarreaus, tiveran formalizado a denuncia diante da Garda Civil de Xinzo.
Pechada polas tardes a Biblioteca e sen uso habitual a maioría das salas, a actividade vespertina redúcese aos actos que se celebran no auditorio, como informa un cartel na porta principal.
Esta mesma tarde, na Casa da Cultura tiña lugar un obradoiro do programa Hypatia, de formación e asesoramento á mulleres, que organizan os concellos de Sandiás, Vilar de Barrio e Xinzo de Limia.