A medida, da que informa hoxe o goberno, tómase “para favorecer a seguridade viaria e a mobilidade peonil”

AMPLIACIÓN | Xinzo pechará o casco vello todas as fins de semana de xullo e agosto

Acceso á rúa Lepanto desde a Dous de Maio.

Pouco despois das 18:00 horas, fontes do goberno municipal explicaron ao Diario do Limia que a decisión de pechar as rúas Lepanto, San Roque e da Igrexa non é unha medida puntal, senón que se aplicará nas sucesivas fins de semanas do verán até rematar o mes de agosto.


O goberno local fundamenta a medida na necesidade de garantir a seguridade viaria nunha época de gran afluencia de xente ao casco vello de Xinzo, e no “éxito” que tivo a iniciativa de “pechar o centro” durante as festas de Santa Mariña a pasada fin de semana. “Houbo moita veciñanza que nolo demandou”, indicaron as fontes.


En calquera caso, a decisión non se comunicou até este mesmo venres pola tarde, a menos de 24 horas do segundo peche, e na comunicación municipal a través das redes sociais tampouco se especificou a duración da medida. Foi a preguntas do Diario do Limia que o goberno local admitiu que a intención e ampliar o peche ás próximas fins de semana: a que resta de xullo e as catro de agosto, que inclúe tamén unha ponte entre os días 13 e 15.


Despois do peche da semana das festas entre o sábado e o luns (festivo en Xinzo) e o desta fin de semana (co luns festivo en toda Galicia), o goberno que dirixe Elvira Lama (PSOE) admite que a idea é proceder ao peche cada fin de semana. 


Nin a veciñanza nin os comerciantes nin os hostaleiros das rúas afectadas foron informadas oficialmente desde o Concello de Xinzo da duración desta medida e das razóns que levaron ao goberno local a tomar esta decisión para as próximas cinco fins de semana; unha decisión que se produce meses despois dun intenso debate sobre os beneficios e os prexuízos dunha peonalización estrita do centro e mentres segue sobre a mesa a posibilidade de que os días de Feira algúns postos recuperen os seus antigos espazos nestas mesmas rúas.