Manuel Pérez Campos, concelleiro de Xinzo Adiante

ENTREVISTA | “Traballarei para saír elixido de novo como concelleiro”

Manuel Pérez Campos, concelleiro de Comercio e Facenda en Xinzo. | FOTOS. Noelia Caseiro.

“Si, voume presentar ás eleccións. Estarei ao que me diga a cidadanía. É dicir, se a cidadanía considera que debo seguir como concelleiro, vou a intentalo. Aínda que a miña concellería non é unha desas concellerías brillantes, que se loce, e a miña presencia a nivel de medios é mínima, case nula... levo feito un traballo bastante bo, xunto cos outros compañeiros e compañeiras da corporación que, considero, levamos feito un traballo moi bo e loxicamente espero que a cidadanía nos apoie ás persoas que formamos hoxe o grupo de goberno”, di Manuel Pérez Campos, responsábel de Comercio e Facenda no goberno municipal de Xinzo de Limia, corporación na que entrou como cabeza de lista de Xinzo Adiante, un partido que xa non ten actividade, di, e do que se considera desvinculado hai tempo. “A política que fago no Concello decídoa eu”.


Manuel Pérez Campos (Covelas, Os Blancos, 1964) fala co Diario do Limia na sala do Xpazo uns días antes do comezo da Festa do Esquecemento. As fotografías que ilustran esta entrevista están tomadas no campamento da Festa durante a visita institucional do pasado xoves cando acompañou á alcaldesa xunto a outros membros do goberno. Faltan oito meses para as próximas municipais e parecía que o abano de partidos ía reducirse. Montse Lama xa non está en Ciudadanos nin seguirá na política local. Aquel espazo que foi das mareas parece desarticulado e as súas forzas, dispersas. Pero Pérez Campos teima. Volverá a se presentar aínda que, asegura, non sabe como; é dicir, non desvela se nunha candidatura das consolidadas (descartado o BNG, quedan o PSOE e AXIL) ou se nun novo partido, con el á fronte. Leva desde os 18 anos en política e non lle asustan ter que empezar outra vez. “Direino no momento oportuno”.


Mais, xa ten a decisión tomada?
A miña decisión é de me presentar. Sobre a candidatura, non teño aínda decisións profundas tomadas. Hai varias alternativas, mais de momento non tomei decisión ningunha. Traballarei para saír elixido de novo como concelleiro, e se a cidadanía me vota, seguirei sendo concelleiro. 


Como ve o escenario no que se xogarán as eleccións. Empezando polo PP, será quen de se recompoñer?
A verdade é que non me gusta falar moito dos outros partidos. Pero eu creo que o Partido Popular ten recursos e xente que pode traballar. Mais deséxolle que siga na oposición. 

Sorprendeuno a marcha de Montse Lama?
Non me sorprendeu. Montse Lama ten unha forma de facer política que... Xa que aparece o seu nome, teño que dicir que no último pleno criticoume por ter unha dedicación como concelleiro dicindo que eu a criticara ela polo mesmo. Non é certo. Eu critiquei as dedicacións políticas, como era a dela, e nunca critiquei a dedicación por exemplo de Luis Miguel Gil [concelleiro de Deportes co PP] que foi o que máis traballou no Concello. Pero Montse Lamas, que cobraba creo que eran 1.800 euros ao mes como responsábel de Persoal, dixo diante dun xuíz que ela non facía máis que levar os contratos á xestoría coa que traballaba antes o Concello.


Canto cobra vostede?
Cobro 1.800 euros brutos, e fago traballos burocráticos para o Concello, como nóminas e informes económicos que antes estaban externalizados e agora van no meu salario, e tamén van aí as axudas de custo como membro da xunta de goberno, e polas comisións e os plenos.


Ve vostede a posibilidade de que a extrema dereita presente candidatura en Xinzo?
Creo que poderían chegar a se presentar, pero espero que non reciban os votos suficientes para entrar na corporación.


Van ser as eleccións unha competencia entre Elvira Lama (PSOE) e Amador Díaz (AXIL), por un lado, e o PP polo outro? Hanse reducir as opcións?
Non creo que haxa moita confrontación entre Elvira Lama e Amador Díaz. A nivel municipal o electorado non ten tanto en conta a ideoloxía. Vótase ás persoas. Elvira fixo un traballo moi grande. Amador tamén fixo un traballo bo. Veremos...

Vostede está máis próximo, senón no ideolóxico, a maneira de traballar do PSOE ou a de AXIL?
A min gústame a transparencia. E aí teño que recoñecer que non se fixo todo da mellor maneira. Non se informou dalgunhas cousas. Pero este goberno fíxoo practicamente todo en reunións... Isto foi unha experiencia moi boa para ver que podemos facer as cousas en conxunto. A forma de traballar? Non sei... quizá a alcaldesa ten unha maneira de ver as cousas e o Amador, outra; pero ao final o que expoñen e facer cousas, chegar a un obxectivo, e faise.


Desde fóra, dá a impresión de que quen manda é o PSOE, e tamén quen asume as críticas...
Elvira Lama é a alcaldesa. É lóxico. Penso que o que a respecto do que se fixo ben, o mérito quedará repartido entre todos. O que se fai mal, pois desgastará a unha persoa. Pero as decisión non son unilaterais. 

Pérez Campos, o pasado xoves no campamento da Festa do Esquecemento durante unha visita insitucional.

Na negativa a trasladar a feira, quen fixo máis forza.
Insisto, as decisións nunca son unilaterais. Pedimos un informe á Policía Local. A maior parte dos feirantes dannos a razón. Se alguén foi máis teimudo no tema, ese fun eu. Por que? Porque eu vivín a feira anterior e quero unha feira de futuro.  


Vese competindo nunhas eleccións contra estes compañeiros de goberno?
Son bastante teimudo... en política. Do que non é unha realidade, fago unha realidade. Xinzo Adiante fíxeno en menos dun ano. Montar un partido leva pouco tempo. Traballar nun partido esixe moito máis. Eu nestes tres anos e pico non me dediquei a facer política de rúa. Practicamente o meu traballo de goberno foi interno. Se me presento, terei que saír á rúa. Con Xinzo Adiante empezamos ese traballo en novembro.

Como foi a experiencia de Xinzo Adiante?
No 2015 sacamos máis de 1.000 votos e tres concelleiros sobre 17. Fixemos unha oposición seria. No 2019 non estivemos á altura das circunstancias. Houbo aquelas liortas entre a xente de En Marea e a xente de Podemos. Quixen que nós non entraramos nesas liortas, pero non fun o suficientemente contundente. Pagámolo. E fomos castigados nas urnas. Non chegamos a 500 votos e tivemos só un concelleiro. Deixei de confiar en determinada xente. Tomouse a decisión de entrar no goberno de Elvira Lama, pero a partir de aí Xinzo Adiante foise diluíndo. Xinzo Adiante cumpriu a súa función.

Xa non ten partido?
Pola miña parte, non. Tivemos algunha reunión esporádica. Non creo que se presenten ás eleccións. A política que fago no goberno decídoa eu.

Que balance fai destes anos no goberno?
Foise reducindo a débeda. Agora estamos máis ou menos ao redor dos 2,8 millóns de euros. Cando no 2012 veu o plan de axuste era de 12 millóns. Os orzamentos teñen que pasar polos técnicos do Ministerio de Hacienda. Estamos moi condicionado. Ese é o escenario. O gasto está moi axustado. E, por riba, veu a pandemia. Houbo que desviar recursos a cuestións sanitarias e sociais, apoiar aos pequenos negocios... cambiaron as prioridades. Como responsábel de comercio traballei para reactivar ProLimia e facer a Feira do Comercio. Tamén fixemos a Feira da Pataca en novembro, nada máis entrar. Xa imos pola terceira edición. Mantivemos a feira e buscamos un novo espazo no Toural. Empezamos co 50% do aforo, e potenciouse todo o que se puido. Tamén cancelamos algunha taxa, como a da apertura de negocios, que era moi elevada. Iso estará vixente até agosto do ano que vén.   

Están cumprindo o plan de axuste?
Facemos todo o posíbel. Tivemos reunións cos técnicos en Madrid para ver como nos podiamos mover. En canto ao cumprimento, temos que reducir anualmente unha porcentaxe en gastos de persoal e en gastos xerais. Estaremos próximos a ese 3% que nos piden para este ano. Non se contrata novo persoal. Agora estamos coa Relación de Postos de Traballo. No caso das xubilacións, as prazas amortízanse. En canto saiamos do plan de axuste, e penso que poderemos saír durante o próximo mandato, o Concello de Xinzo poderá volver contratar e as regras serán máis abertas.