lunes. 25.11.2024

“Estou orgullosa de ser a primeira muller alcaldesa de Xinzo e de representar a unhas siglas nas que levo militando desde o ano 2003, defendendo a xustiza social, a liberdade e intentando mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños. Iso é o que me move”, di Elvira Lama (Xinzo de Limia, 1963) durante unha entrevista concedida ao Diario do Limia o pasado xoves, á véspera do seu gran día, cando anunciou a reforma das avenidas, unha obra que vai mudar Xinzo.

A un ano das eleccións municipais, este anuncio constitúe un empurrón para a Alcaldía. Xa ten decidido repetir como candidata e como alcaldesa?
Será a agrupación municipal do PSdeG-PSOE quen elixa á cabeza de lista. Non podo dicir que non teño ganas de repetir. Estou orgullosa e satisfeita do traballo destes tres anos. O traballo do equipo de goberno está aí. A proximidade desta alcaldesa coa cidadanía, tamén. Serán as veciñas e os veciños quen decidan nas urnas. 

Que significa para Xinzo ese proxecto de reforma das avenidas?
É unha vella demanda dos gobernos de Xinzo, non só deste. O Goberno de España, o goberno socialista, viu que non era un capricho. Hai tramos sen beirarrúas, con servizos do ano 1966 onde se producen continuas avarías, moitas carencias, mesmo problemas de seguridade viaria. Váiselle poñer solución. A todo isto temos que engadir o cambio de 4.160 luminarias, que vai supoñer un aforro anual duns 200.000 euros.

Están o seu goberno e vostede nunha batalla constante por concienciar á veciñanza sobre a necesidade de mudar hábitos de mobilidade. Como está indo esa campaña de información?
Pensamos que está chegando á xente. As rúas do casco vello non poden converterse nun aparcadoiro. Para un momento, é posíbel e séguese facendo sen ningún impedimento. O que non pode ser é que haxa vehículos estacionados toda a mañá ou todo o día nun lugar onde non está permitido estacionar. Para iso xa temos esas 400 prazas de aparcadoiro a dous minutos da praza Maior. Estamos buscando alternativas para evitar o tráfico pesado nesas rúas do casco vello. Pode que a xente non as entenda a curto prazo. Nós temos a mirada posta no longo prazo.

O cambio de 4.160 luminarias vai supoñer para o Concello de Xinzo un aforro anual duns 200.000 euros, di a alcaldesa.

Cal é o estado da auga que consumen as veciñas e veciños de Xinzo?
As analíticas mensuais indican que a calidade é óptima. A xestión está a cargo de Viaqua, que se encarga do saneamento e do abastecemento. Esa é a auga da que somos responsábeis no Concello. Pero temos constancia de numerosos pozos en vivendas unifamiliares que teñen a auga danada e seriamente contaminada. 

Que pode facer o Concello nestes casos?
Nós a recomendación que facemos é que esas augas non son aptas para o consumo humano. Hai competencias que non son do Concello. Cada un ten que saber que auga está utilizando e que tipo de controis pasa esa auga. 

Elvira Lama. Alcaldesa de Xinzo (1) (FILEminimizer)
Elvira Lama, alcaldesa de Xinzo.

En xeral, pensa que está ben informada a poboación de Xinzo a respecto do risco que existe nas augas?
Está bastante informada. Hai un movemento, que algúns cualifican de ecoloxista, hai un organismo de cunca, hai toma de mostras e datos. Sábese con exactitude cal é a saúde das nosas augas e de onde provén esa contaminación. Vén da gandaría, da agricultura e tamén do saneamento que falta, e falta non só aquí en Xinzo, tamén en moitos concellos do país.

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) xa anunciou que se vai completar ese saneamento en Xinzo?
Vai ser un investimento que ten que ver tamén con poñer en valor o tramo urbano do río Limia. O proxecto está en fase de redacción. Espero que nolo presenten antes do verán. Inclúe completar o saneamento, deficiente, da marxe esquerda, na que están a maioría das instalacións deportivas. Será un primeiro paso para accións posteriores sobre o propio curso do río. A intención é que Xinzo empece a vivir máis de cara ao río. 

“A poboación de Xinzo está bastante informada. Hai un movemento, que algúns cualifican de ecoloxista, hai un organismo de cunca, hai toma de mostras e datos”.
 

A CHMS tamén avanzou que en cuestión de semanas estarán elaborados os mapas de augas afectadas e despois terá que ser a Xunta que realice a declaración da Limia como zona afectada. En que prazo, dentro desde período de tres anos, pensa que debe producirse esa declaración?
Recordo que no 2019, cando chegamos ao goberno, había un ano que xurdira a plataforma Auga Limpa Xa. Foi a sociedade civil, coa súa reclamación do dereito a termos auga de calidade, a que fixo que a Xunta tomase nota. Porque durante anos a Xunta non estivo cumprindo as súas funcións neste asunto. Púxose en marcha a Mesa da Limia. Todos achegamos ideas. Mais a día de hoxe aínda non coñecemos o Plan Estratéxico para A Limia. 

Vai presionar o Concello de Xinzo para que se acelere esa declaración?
Hai unha serie de accións que se teñen que levar a cabo. É necesaria esa planta de tratamento que neste mesmo salón de plenos se comprometeu a poñer en marcha o conselleiro de Medio Rural.  

Cando se fagan públicos eses mapas de augas afectadas, cales van ser as reivindicacións do goberno de Xinzo á Xunta?
Temos que coñecer os pormenores do Plan Estratéxico para A Limia. Ademais da contaminación por residuos da gandaría e da agricultura, están os saneamentos. E, por exemplo, Augas de Galicia non ten feito actuación ningunha en Xinzo, mentres as veciñas e veciños de Xinzo levan achegado a Augas de Galicia 1,5 millóns de euros nos últimos dez anos. 

Elvira Lama. Alcaldesa de Xinzo (4) (FILEminimizer)
Elvira Lama reclama para A Limia unha planta de tratamento de residuos da actividade agrogandeira.

Que espera do Plan Estratéxico?
Pois que sexa unha ferramenta que sirva para que o piar económico desta comarca, que son a agricultura e a gandaría, teña futuro. E iso pasa por unhas prácticas sustentábeis. Descoñezo os pormenores do plan, pero un plan non é só un papel. Ten que vir acompañado de recursos económicos.

“Ao mellor, a senda pola que temos que transitar, concellos e goberno galego, sendo valentes, é establecer unha moratoria para a instalación de novas granxas”. 

Ve un futuro no que se opte polo peche de explotacións de intensivo, máis alá da moratoria?
Iso véxoo lonxe. Unha persoa que adica a súa vida e os seus recursos a montar unha granxa está no seu dereito. É certo que iso ten uns custes na xestión de residuos. Non se trata de desmantelar nada. Ao mellor, a senda pola que temos que transitar, concellos e goberno galego, sendo valentes, é establecer unha moratoria para a instalación de novas granxas.

Respondeu Iberdrola á posición do Concello de Xinzo de pedir que non se constrúa a LAT do Laoruco?
A día de hoxe, non houbo. Quedou en presentar un mapa alternativo, pero aínda non o fixo. O que nos parece aberrante é que unha empresa que desexa instalarse nun territorio non se reúna antes cos representantes políticos e cos propietarios dos terreos. Existe certo escurantismo neste proxecto. O proxecto pode producir impactos negativos sobre a saúde dos habitantes dese territorio. E as representantes temos que atender iso.

A NEGATIVA Á LAT DO LAROUCO. “O que nos parece aberrante é que unha empresa que desexa instalarse nun territorio non se reúna antes cos representantes políticos e cos propietarios dos terreos”.

Falando de saúde. Xa ten data para presentar o Plan de Saúde de Xinzo, un dos 14 que hai un par de meses se presentou en Compostela?
Aínda non temos data. Estamos á espera do que diga a Xunta.

Pero xa teñen o Plan?
Non. O Concello de Xinzo aínda non recibiu ese documento.
 

ENTREVISTA | Elvira Lama: “Non podo dicir que non teño ganas de repetir”