jueves. 21.11.2024

Para as 11:30 horas de mañá gandeiros e agricultores están convocados a concentrarse no Toural, en Xinzo, desde onde partirá unha tractorada de protesta na que a Limia volverá clamar polo seu futuro. Hai 180 vehículos anotados a menos de 24 horas do inicio da marcha. Virán desde todos os puntos da comarca. 

Os organizadores, os mesmos que convocaron a manifestación do martes na praza Carlos Casares (Adegal, FRUGA, Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias e a Asociación de Produtores de Pataca da Limia), reclaman que muden as políticas do Goberno central e de Europa.

O percorrido será duns 10 quilómetros. Desde O Toural, os tractores circularán polo centro de Xinzo a través da avenida de Ourense até tomar a estrada de Vilar de Barrio. Despois, xirarán cara a Morgade e regresarán a Xinzo entrando por Baronzás e rúa San Sebastián até avenida de Madrid. Á altura do Bar Mundial, na mesma avenida, está previsto que a veciñanza que se queira manifestar acompañe aos vehículos de volta ao Toural.

A organización tiña previsto completar o percorrido nunha hora, mais dada o número de tractores é posíbel que a marcha dure algo máis. 

"Non houbo resposta de ningún goberno desde o martes [o día da concentración na Carlos Casares]", explicou este xoves ao Diario do Limia Amador Díaz, presidente e portavoz da asociación de pataqueiros. "Agora, o que faremos é levar as reivindicacións por escrito aos plenos de todos os concellos para que as distintas corporacións as apoien". Tamén agradeceu a adhesión das comerciantes de Xinzo.

Nun comunicado enviado aos asociados de ProLimia, a directiva convidou aos comerciantes "a pechar os nosos comercios o día 25 de marzo ó paso da tractorada. Tamén, a acompañalos andando detrás deles no traxecto que van facer". Concha Conde, presidenta do colectivo, indicou esta mañá que as demandas de agricultoras e gandeiras contan "con todo o noso apoio como asociación, porque son ademais os nosos clientes"

Concha Conde, presidenta de ProLimia, este xoves
Concha Conde, presidenta de ProLimia, este xoves.

Varios comercios de Xinzo anunciaron hoxe en redes sociais a súa intención de pechar mañá durante a tractorada, e o cartel da convocatoria circulou profusamente. Os hostaleiros, no seu propio debate interno sobre a posibilidade de convocar finalmente un peche do sector o próximo luns, tamén manifestaron a súa adhesión á mobilización de agricultores e gandeiros.

"Nós en vinte días estaremos sementando patacas cun custe de produción un 40% máis elevado. E non sabemos como as imos vender nin como estará o mercado nin como lles repercutirá aos consumidores", di Amador Díaz. "Chegará un punto no que se fará moi complicado seguir asumindo eses custes que estamos a soportar no gasóleo, na luz, nos fertilizantes"
 

NOTICIAS A LIMIA | 180 tractores clamarán polo futuro da Limia mañá en Xinzo