jueves. 21.11.2024

A hostalaría de Xinzo de Limia tiña decidido esta mañá sumarse ao paro que se producirá no país en apoio ao sector do transporte, en folga desde hai dúas semanas. Minutos despois de se publicar a información, a directiva da asociación de hostaleiros pediu matizar a comunicación. “Aínda non hai acordo firme”.

As hostaleiras e hostaleiros reafirmaron ademais o seu respaldo á tractorada que se celebrará en Xinzo pasado mañá, venres, convocada polos tres sindicatos agrarios, a asociación de pataqueiros e a de gandeiros e agricultores.


Hostaleiras e hostaleiros de Xinzo de Limia uniranse ao peche a nivel galego en solidariedade co sector do transporte e o resto de sectores afectados pola suba dos combustíbeis, en particular, e os prezos da enerxía en xeral. De alcanzarse un acordo, o luns os locais permanecerán pechados. Sería a cuarta protesta cidadá na Limia contra a crise económica e social que está a provocar o encarecemento dos prezos da enerxía.


Empezaron os camioneiros cunha caravana o pasado venres, 18 de marzo, na que os seus portavoces na Limia botaban en falta o apoio do sector primario. Onte martes, foron agricultores e gandeiros os que se xuntaron nunha concentración en Xinzo para dar lectura a un manifesto de 20 puntos no que piden, entre outras medidas, unha rebaixa de impostos nos carburantes.


A continuación, pasado mañá, día 24, celebrarase unha tractorada cun percorrido pola contorna de Xinzo de Limia, convocada polas mesmas organizacións agrícolas e gandeiras que protestaron onte. A tractorada xa recibiu o respaldo explícito desde o goberno local e a oposición e do gremio do comercio, que anunciou que os locais pecharán as portas ao paso dos tractores. E o luns chegaría a cuarta das mobilizacións sociais no prazo de dez días co peche da hostalaría.


“Estamos sufrindo todas e todos, desde o transporte até o campo, e por suposto o comercio e nós, a hostalaría. É unha situación que afecta a todo o mundo e por iso precisamos unirnos”, comentou este mediodía ao Diario da Limia, Alberto Rúa, o presidente da asociación de hostaleiros de Xinzo. 

NOTICIAS A LIMIA | A hostalaría de Xinzo valora convocar un peche o luns e solidarízase...