sábado. 23.11.2024

Elvira Lama recibe ao Diario do Limia este xoves que esperta neboento e inquietante pola ameaza da guerra en Ucraína no despacho, amplo, sobrio, ordenado da Alcaldía. Lama avanza unha primeira valoración sobre o Plan de Saúde de Xinzo de Limia, unha ferramenta chave na xestión sociosanitaria do municipio para os próximos anos. 


O Plan foi presentado xunto outros 13 o pasado luns en Compostela polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. Mais a alcaldesa non participou nese acto. O Plan, explica, “será a folla de ruta que seguiremos desde o goberno local e, especialmente, desde o Centro de Saúde, que é quen lidera esta iniciativa, para tratar os problemas concretos de saúde da nosa poboación que foron identificados durante este proceso”.


Os problemas concretos están no documento, mais Lama prefire non “entrar en cuestións sanitarias” e di que, até o momento, só ten un borrador, e que o Plan merece un estudo máis en profundidade antes de falar dos detalles. En calquera caso, indica, o documento será presentado “despois do Entroido” na Casa do Concello e “con todos os axentes que interviñeron, convidados”.

O luns en Compostela, o conselleiro falou en conxunto dos novos plans -Santa Comba, Teo, A Estrada, As Pontes, Vilalba, Castro Caldelas, Cambados, ademais de Xinzo; e os barrios de Elviña e Os Mallos, na Coruña; Virxe Peregrina, en Pontevedra; Sárdoma e Lavadores, en Vigo; e Caranza, en Ferrol- e dixo que “a diferenza con calquera outro plan previo é que teñen perfectamente identificadas as necesidades e perfectamente definidas as solucións”


Lama explica que as afeccións máis comúns á saúde dunha poboación poden estar determinadas pola localización. “Nunha vila de costa, por exemplo, poden ter que ver co traballo no mar; e nunha comarca como A Limia, pola presenza de gandaría intensiva”.


O Plan, subliña a alcaldesa, será unha ferramenta para que o departamento responsábel de saúde pública do Concello, o que dirixe Alberto Martínez (Educación, Saúde e Servicios Sociais) empece a programar charlas e obradoiros dirixidos a colectivos específicos da poboación, impulse programas que teñan que ver coa ciberseguridade ou o acoso na escola, promova accións de prevención e outro tipo de medidas cun obxectivos claros: os establecidos no plan. 


Os traballos de elaboración do Plan comezaron o verán pasado. A iniciativa partiu da dirección do Centro de Saúde de Xinzo, mais xuntou todos os axentes do ámbito sociosanitario e comunitario que desenvolven a súa actividade no concello, desde Cáritas e a Cruz Vermella até O Viso e os centros escolares. Oito meses despois, o documento está redactado. Nos próximos días, a folla de rota da saúde en Xinzo comezará a facerse pública.

NOTICIAS A LIMIA | “O Plan de Saúde será a folla de ruta para tratar os problemas...