Hoxe tivo lugar na Casa do Concello de Vilar de Santos a entrega do Premio Pedra Alta aos galardoados de esta IV edición, a Asociación LIMISI. Un acto que gozou dun gran acollemento entre os veciños da Limia, pois acudiron ao evento máis de 40 persoas.
A Xunta Directiva do Padroado do Museo da Limia decidira, durante a xuntanza do pasado sábado día 6 de novembro, recoñecer o gran traballo que realiza a asociación axudando a persoas con discapacidade e diversidade funcional de toda a comarca. Por isto, fíxoselles entrega do Premio Pedra Alta deste ano, unha réplica en granito da Pedra Alta do escultor Xosé Lois Carrera, que tamén se acompañou dun diploma acreditativo deseñado por Manolo Seoane e Lola Peláez.
Ao evento acudiron diversos membros e usuarios de Limisi, entre os cales destacaron Eulogia Ferreira e Araceli Losada, presidenta e secretaria da asociación respectivamente. Ambas recolleron o premio e realizaron un breve discurso de agradecemento ao Museo da Limia e a todas as entidades colaboradoras no agasallo.
Araceli Losada destacou o gran papel que xogan as entidades coma Limisi na vida de moitas persoas xunto á necesidade que hai de que éstas sexan públicas, pois o seu servizo resulta vital e imprescindible para os usuarios. Aínda queda moito camiño por andar no tema da inclusión e da integración de persoas con discapacidade.
O evento tamén contou coa presenza de Delfín Caseiro, presidente do padroado do Museo da Limia, Xosé Jardón, coordinador do Museo da Limia, Sabela Rodríguez, secretaria da Xunta Directiva do Museo da Limia, André, vicepresidente do padroado do Museo da Limia, Cristina Margusino, médica do Centro de Saúde de Xinzo, e tamén co alcalde de Vilar de Santos, Xoán Xosé Jardón, e coa alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama. No medio dos agradecementos de todos os convidados e asistentes ao evento, realizaron unha breve actuación o pianista, Luis Humberto Cao, xunto ao tenor, Baldomero Pavón.