'Os vermús do BNG' empezan este domingo en Queirugás, Novás, Mosteiro e Gudín

NOTICIAS A LIMIA | O BNG arranca o ano electoral con 33 encontros nas 19 parroquias de Xinzo

Ramiro Rodríguez, Carlos Pérez e Camilo Vila, na sede do BNG de Xinzo este venres. | FOTOS: Diario do Limia.

A campaña chámase Os vermús do BNG. Foi presentada onte na sede nacionalista en Xinzo por Ramiro Rodríguez, o concelleiro do BNG; César Pérez, o responsábel local; e Camilo Vila, o coordinador da campaña. As reunións empezan mañá domingo con visitas, e vermús, en catro localidades do sur do concello: Queirugás, Novás, Mosteiro e Gudín.


“Queremos estar coa xente, non facer un mitin”, explica o coordinador. “O que queremos e que nos falen, escoitalos, darlles o protagonismo ás veciñas e veciños. Todo iso para termos un concello renovado, mellor”.


A campaña continuará até setembro. Serán 33 encontros nas 19 parroquias de Xinzo. Visitarán todos os núcleos de poboación, en domingo, en semanas alternas, sempre pola mañá. O equipo estará composto por cinco persoas.


A maiores, durante o período que agora se abre, as nacionalistas de Xinzo esperan desenvolver reunións que teñan como fío os sectores produtivos. Tamén organizan a visita de representantes parlamentarios do BNG tanto en Madrid como en Compostela. 


Ademais, segundo informou Carlos Pérez, o BNG de Xinzo está reactivando as súas redes sociais. Teñen presenza en Facebook, Twitter e Instagram. E porán a disposición da veciñanza un teléfono (692698684) para recibir mensaxes (tamén por Whatsapp) e despachar consultas. 

Carteis da campaña.

“Estas canles están dirixidas a segmentos de xente de determinadas idades, mais entendemos que A Limia é unha comarca avellentada, como moitas no país, e por iso pensamos nunha campaña presencial, para coñecer directamente a opinión doutra moita xente que non está nas redes sociais”, explica o responsábel local.

Nas eleccións municipais de maio de 2019, o BNG apañou 410 votos (o 6,95 % dos sufraxios válidos, a sexta forza) e conseguiu un concelleiro, Ramiro Rodríguez, que fai parte do goberno de coalición xunto aos representantes do PSdeG-PSOE, AXIL e XA.