NOTICIAS A LIMIA | Este coche leva 13 anos abandonado diante do cuartel de Xinzo
“Este coche leva estacionado 13 anos na rúa Ladeira, entre o número 29 e o 35. Os veciños xa denunciamos a situación en moitas ocasións. A resposta do Concello de Xinzo de Limia é que non se pode mover porque o dono está no cárcere e o vehículo está precintado por un xulgado madrileño”, informaron veciños de Xinzo nunha comunicación co Diario do Limia, que puido comprobar este mércores o estado do coche, coas ventás abertas e lixo no interior.
As veciñas advirten ademais que o vehículo está estacionado xunto á beirarrúa nunha ruta escolar (o Colexio Público Rosalía de Castro está a escasos cen metros) e xusto diante dun centro de día e dunha residencia de anciáns, e subliñan “nos veráns hai avespeiros e ás veces ao redor está cheo de vexetación”.
Lembran ademais que, con ocasión de obras realizadas na vía, o vehículo si foi retirado do seu emprazamento. Mais a día de hoxe volve estar aparcado xunto a un colector nun tramo da rúa onde non hai edificacións, e enfronte da entrada ao cuartel da Garda Civil en Xinzo.
En casos de precinto xudicial, é a maiores do informe sobre o vehículo que ten a Dirección General de Tráfico, o xulgado competente debe facilitar información sobre o procedemento a seguir para regularizar a situación do vehículo no Informe de Bens Inmóbeis, unha consulta que pode realizar calquera Administración Pública.