NOTICIAS A LIMIA | Por un Entroido responsábel, saudábel e diúrno
Faltan pouco máis de 24 horas para que o Petardazo abra a festa do Entroido, suspendida o ano pasado e limitada nesta edición na que desde o Concello de Xinzo, a Comisión do Entroido e os colectivos implicados se vén traballando para facer posíbel un entroido en metade da pandemia.
O Diario do Limia reclamou da alcaldesa, Elvira Lama, unha chamada á celebración (que lle pide á festa?) e unhas recomendacións ás veciñas e aos veciños (que lle pide á xente?). Estas foron as súas respostas, resumidas en cinco desexos:
Espontaneidade. “Á festa hai pouco que lle pedir. Cada un vive o Entroido como o leva dentro e exterioriza iso que imos interiorizando dun ano para outro. Á festa pouco lle podo pedir porque é unha festa espontánea”.
Responsabilidade. “Á xente que fai a festa se é a que lle temos que pedir responsabilidade. Responsabilidade individual e colectiva. Respectarnos uns aos outros”.
Atención. “Esta pandemia non rematou. Está comprobado que o virus segue a circular entre nós, aínda que con menor virulencia, mais cun índice de contaxio elevado”.
Seguridade. “Temos que saber gozar da festa nun contexto o máis seguro posíbel e o máis saudábel posíbel. Para iso desde o Concello de Xinzo temos feito un enorme esforzo de concienciación e posta en marcha de medidas de seguridade”.
Troula polo día. “Queremos un Entroido saudábel e seguro, e sobre todo, que se faga a festa máis de día e menos de noite, porque sabemos que cantas máis horas levamos de troula, máis relaxamos as medidas.
O Entroido de Xinzo de Limia arranca este sábado, día 5, coa celebración do Petardazo na praza Carlos Casares (00:00 do domingo) e continúa na tarde do domingo 6 co Domingo Fareleiro na praza Maior. A fin de semana seguinte chegará o entroido máis tradicional co Meco (sábado) e o Domingo Oleiro.