NOTICIAS A LIMIA | A Escola Rural de Saúde lembra a Genoveva Vázquez, a "parteira de Xinzo"
O Concello de Xinzo renderá hoxe unha homenaxe a Genoveva Vázquez Calviño, comadroa da comarca durante máis de cinco décadas no século pasado. A Escola Rural de Saúde da Limia tamén está a lembrar a figura de Vázquez e, a través dela, de todas aquelas parteiras que había nas aldeas con charlas que xa teñen levado a Xinzo, Arnuide (Vilar de Barrio), Porqueira ou Sarreaus, dentro do programa "Visibilizando a saúde das mulleres".
A Escola Rural de Saúde traballa dende o 2021 para poñer en valor a Genoveva Vázquez, con encontros coa súa familia e a redacción dun artigo sobre a súa persoa. A parteira tamén foi unha das figuras que formou parte das exposicións "Mulleres Símbolo", que se levou a cabo en cinco concellos da comarca e, o ano pasado adquiriu aínda máis importancia cando a valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, recoñeceu o labor de Vázquez na xornada "Invisibilizadas para a Medicina" e pediu algún tipo de distinción para ela.
Nas charlas que a Escola Rural de Saúde desenvolveu na comarca sobre Genoveva Vázquez e as comadroas da época, tamén tivo especial relevancia o traballo "As parteiras" dos doutores Roberto Fernández e Manuel Lage. Este, está incluído agora no Museo do Médico Rural de Maceda, onde se recoñece o labor feito por estas mulleres.
Esta tarde, ás 18:00 horas, terá lugar no Salón de Plenos da Casa do Concello o acto institucional en homenaxe a esta parteira. Logo, ás 18:45 horas, descubrirase unha placa na súa casa natal da rúa Serra de Manzaneda. Dende a Escola Rural de Saúde da Limia agradecen este recoñecemento xa que o "merecía desde hace tiempo", tanto por Genoveva Vázquez como pola súa familia.
Esta homenaxe súmase ao traballo que fan dende a asociación para darlle visibilidade a mulleres como esta parteira, que axudou a outras nunha época onde as dificultades facían máis complicados os partos e repercutían na saúde dos bebés que nacían nos fogares rurais. Ademais, o seu labor tiña un carácter altruísta, xa que non cobraba por axudar a dar a luz ás mulleres, en moitos casos, sen a presenza dun facultativo.
O programa de visibilización da saúde das mulleres, no que se falou de parteira, conta co apoio da Secretaría Xeral de Igualdade, da Valedora do Pobo, da Deputación de Ourense, do Concello de Xinzo, do Museo do Médico Rural e da familia de Genoveva Vázquez, en colaboración coa psicóloga asociación, Rosa Trujillo, e das mulleres da Escola Rural de Saúde da Limia coordinadas por Lola Rico.