NOTICIAS A LIMIA | O PP quere que Xinzo inste ao Goberno a “unha baixada de impostos selectiva, inmediata e temporal”
A moción denomínase Proposta ao Goberno de España dun plan de medidas urxentes extraordinarias en defensa das familias e a economía española. E o PP de Xinzo de Limia ten a intención de que se debata no próximo pleno municipal. Pide, entre outras cuestións, que o Concello de Xinzo se dirixa ao Goberno do Estado para que “promova unha baixada de impostos de impostos selectiva, inmediata e temporal sobre os sectores máis afectados pola inflación, e para rendas baixas e medias”.
O PP de Xinzo emitiu este luns unha nota de prensa na que explica que “a escalada de prezos da enerxía, dos combustibles e das materias primas están a provocar un impacto moi relevante na economía familiar e das empresas, circunstancias que deben obrigar á administración estatal a reaccionar e a tomar medidas de urxencia, xa plantexadas pola Xunta de Galicia, que sirvan como resposta ás necesidades dos diferentes sectores e da poboación en xeral”.
Os populares solicitan que a corporación reclame do Goberno central un “Plan Nacional para a mellora da efectividade e calidade do gasto público”, a mellora do “deseño do Plan Recuperación Transformación e Resiliencia para facelo máis áxil de maneira que o financiamento chegue ás empresas e familias”, e “a implementación dun paquete de reformas estruturais para incentivar a actividade económica”.
No referido aos impostos, o PP recomenda “establecer un imposto negativo articulado como pago anticipado para persoas especialmente desprotexidas polo incremento do IPC para as rendas do traballo e de actividades económicas máis baixas sobre as que non hai obrigación de reter”.
E tamén, para autónomos e profesionais, unha “redución da tributación en estimación obxectiva en IRPF (módulos) e do réxime simplificado en IVE e réxime especial de recarga de equivalencia”.
Ademais pide “introducir no Imposto de Sociedades un novo suposto de liberdade de amortización para investimentos en eficiencia enerxética”, e baixar de maneira temporal o IVE do gas e a electricidade do 10% ao 5%, e impulsar a rebaixa do Imposto Especial de Hidrocarburos coa finalidade reducir a carga impositiva.
Os populares resumen as súas motivacións argumentando que “resulta imprescindible que desde todos os ámbitos políticos, tamén desde os concellos galegos, impulsemos acordos que, desde o punto de vista construtivo e leal, teñan como finalidade traballar polas familias e empresas do noso país”.