NOTICIAS A LIMIA | A primeira pedra do futuro
Organizada pola USC e o Concello de Xinzo, celebrouse onte na Casa da Cultura unha xornada con estudantes de Psicoloxía, técnicos municipais, orientadoras escolares e representantes dos colectivos xitano, magrebí e latinoamericano. Tratábase de achegar ao alumnado a experiencia concreta dun concello exemplar no traballo de integración. Un caso semellante ao de Burela, mais no interior do país, nunha vila, como Xinzo, sen un aparente atractivo para o asentamento de migrantes.
A lección era esa: aprender sobre o terreo como se traballa coa diversidade. A conclusión tirouna o docente Alexandre Sotelino, promotor da iniciativa: “O voso traballo esixe implicación persoal. Coñecer á xente, os seus costumes, estar próximas. Implicarse máis alá da obriga profesional”.
Pola mañá, despois da presentación da alcaldesa, Elvira Lama, falaron as orientadoras dos dous institutos de Xinzo e a do colexio Rosalía de Castro. Pola tarde, abriron a sesión os técnicos municipais de inmigración. E explicaron por que Xinzo.
En Xinzo conviven 33 nacionalidades distintas, o 5,5% da poboación é estranxeira e a porcentaxe de migrantes medra se se inclúe a xeración nacida aquí e as persoas con dobre nacionalidade. Por que Xinzo? Porque no cambio de século deron en se instalar aquí inmigrantes magrebís que se dedicaban á venda ambulante. Xinzo tiña boas comunicacións, estaba preto de Portugal e era unha vila máis tranquila e con menor presión policial. Nunca se produciron problemas de convivencia graves.
Ademais, o Concello de Xinzo foi un dos primeiros en prestar atención aos efectos das inmigracións e dos retornos. E a bagaxe desa experiencia foi o que se puxo onte en valor diante dos alumnos e alumnas da USC, pero tamén dos propios colectivos de migrantes.
Xinzo tiña boas comunicacións, estaba preto de Portugal e era unha vila máis tranquila e con menor presión policial. Nunca se produciron problemas de convivencia graves.
“Imaxínate que che quedan dous meses de vida, díxome unha vez un xitano para me explicar o que a súa maneira de entender a vida”, apuntou Xosé Losada, un dos técnicos municipais desde o escenario. “Que é o que fas? Pois vivir ao día, tratar de levarte ben coa xente e mostrar respecto aos maiores”.
Xosé Losada é unha desas persoas que se comprometeron persoalmente no seu traballo con colectivos marxinados máis alá da obriga profesional. Losada é dos que pensan que a falta de recursos pode compensarse con esforzo e dedicación.
Despois falaron membros dos colectivos marxinados: xitanos e inmigrantes. Falaron moito as fillas dos líderes relixiosos das comunidades xitana e islámica locais. Elas expresaron a súa percepción dun racismo de baixa intensidade, que mingua. Os pais vén problemas algo diferentes, o racismo segue presente. Son dúas xeracións diferentes e unha mira só cara o futuro.
Elas están agradecidas porque se senten parte deste país; os pais agradecen a acollida, pero saben que as comunidades conviven a distancia. E pode que non haxa outra maneira, máis alá da relixión, porque Gil Giménez, o pastor xitano, ten DNI, fixo a mili, séntese español, pero aínda ten que dicilo. O integración pode aspirar ao respecto ás diferencias e á non discriminación. E xa é moito.
Elas expresaron a súa percepción dun racismo de baixa intensidade, que mingua. Os pais vén problemas algo diferentes, o racismo segue presente. Son dúas xeracións diferentes e unha mira só cara o futuro.
Esa é a primeira pedra que lles propuxo Gil Giménez aos estudantes de Psicoloxía que un día, se hai sorte, terán un traballo como o de Xosé e intentarán implicarse coas comunidades excluídas para que só haxa futuro.
“Forxar un futuro. Iso é o que queremos”, dixo Peter Alexandre, venezuelano, 49 anos, pai, que aínda sente o racismo. “Estamos moi agradecidos porque aquí tivemos que empezar de cero, traballando en negro, pero houbo xente que nos axudou. E nós temos cousas que achegar”, dixo, porque o que queren os excluídos é participar no futuro.
Sobre o escenario estaban elas e eles, inmigrantes e xitanos, estranxeiros deste país, agradecidos por ter a palabra. “Temos tantas cousas que dicir”. Porque case nunca a teñen. Agradecidos porque alguén, uns estudantes, un profesor, mostren interese nesas cousas que nunca din. Porque teñen que estar dicindo sempre que son persoas, que teñen valores, que son valores compartidos, que están moi agradecidas. “Temos tantas cousas que dicir”.
Sobre o escenario estaba tamén unha muller, colombiana, que trouxo consigo a un dos seus tres fillos. Que deu as grazas, explicou que en todas partes hai xente boa e xente mala, e despois calou. Mantívose discreta no seu sitio.
Os asistentes puxeron fin á xornada de encontro cunha visita ao Museo do Entroido.