A PISTA DE XEO E O TREN 'POLAR EXPRESS', OS ESPAZOS MÁIS CONCORRIDOS

NOTICIAS A LIMIA | "O programa de Nadal funcionou moi ben dadas as circunstancias", di Elvira Lama

O tren 'Polar Express', a estrela da decoración do Nadal en Xinzo. | FOTO: Concello de Xinzo.

A alcaldesa fixo balance este venres da programación de Nadal que ofertou á veciñanza o Concello de Xinzo de Limia. Elvira Lama está satisfeita. “As propostas tiveron gran aceptación e afluencia de público dentro das posibilidades desta pandemia e seguindo sempre os protocolos establecidos”, di Lama nun comunicado emitido hoxe desde a Casa do Concello. O comunicado destaca dous espazos: a pista de xeo que se situou na praza Carlos Casares, e o tren decorativo Polar Express, que concentraron o interese dos máis novos e foron os máis concorridos. "O programa funcionou moi ben dadas as circunstancias", resume a alcaldesa.

Debido a incidencia desta sexta ola do covid-19, a cabalgata de Reis foi estática no Pavillón de deportes. Segundo o goberno local, "cumpríronse as expectativas". Tamén, no referido ás casetas de Nadal que se repartiron por diferentes puntos, e á iluminación no centro e no rural.

En opinión da rexedora, as festas tamén foron propicias para o comercio local. “A actividade foi a esperada e as compras tamén, ao igual que na hostalería, aínda que a pandemia está afectando a todos os sectores”, subliña Lama. Durante a campaña de Nadal, co apoio do Concello de Xinzo de Limia, os comerciantes ofreceron bonos de compra que o Concello subvencionou nun 30%.

A actividade foi a esperada e as compras tamén, ao igual que na hostalería, aínda que a pandemia está afectando a todos os sectores” (Elvira Lama)

A pista de xeo situouse na praza Carlos Casares. | FOTO: Concello de Xinzo.

O comunicado conclúe co compromiso por parte do goberno local de afrontar o novo ano "con valentía e tendo moi en conta aos profesionais máis afectados, especialmente aos autónomos". E lembra que os orzamentos do 2022, aprobados en decembro, entrarán en vigor a finais deste mes.