As familias poden comunicar a súa disposición aos Servizos Sociais municipais

NOTICIAS A LIMIA | Xinzo de Limia creará unha rede de acollida para refuxiadas e refuxiados ucraínos

Casa do Concello de Xinzo.

“Por unanimidade, decidiuse a adhesión á declaración de condena á guerra e apoio ao probo ucraíno da Federación Galega de Municipios, ademais de acordar accións concretas no ámbito local”, comunicou o Concello de Xinzo de Limia esta tarde nunha nota de prensa. 


Entre as accións concretas, o Concello informou que a alcaldesa, Elvira Lama, púxose en contacto coa Subdelegación do Goberno “para crear unha rede de familias de acollida e poñer ao seu dispor espazos públicos como o pavillón polideportivo”.


O Concello de Xinzo sinala que o departamento de Servizos Sociais coordinará esta acción. As familias en disposición de acoller poden contactar cos Servizos Sociais a través de teléfono 988 550 528 ou ben de xeito presencial en horario de 09.00 a 13.00 horas.


Ademais, o Concello tamén participará na iniciativa da Federación Galega de Municipios e Provincias para recoller material de primeira necesidade que logo será logo canalizado cara as cidadás ucraínas. 


“Os interesados poden facer as entregas na sede de Protección Civil, no primeiro piso do edificio Multicentro, en horario de 10.00 a 12.00 horas ou chamando ao número de teléfono 629 470 812. Tamén se recollerá o material no punto de Información Municipal emprazado no primeiro andar da Casa Consistorial”, indica a nota de prensa.


Ademais, o Concello de Xinzo anunciou que “en solidariedade cos cidadáns que están a sufrir os embates da guerra”, alumearase a Casa Consistorial cos cores da bandeira ucraína.