O incivismo provoucoulles numerosas dificultades no Corredoiro

NOTICIAS XINZO | A Comisión do Entroido esixe máis "respecto" para as pantallas

As pantallas sufriron numerosas dificultades para camiñar no Corredoiro. | FOTO: Noelia Caseiro.

O Domingo Corredoiro foi un éxito de asistencia, pero deixou unha parte negativa. O incivismo non facilitou que as pantallas puidesen bailar e correr polas rúas de Xinzo, pese a que a Asociación A Pantalla compartiu unha serie de recomendacións para que os entroideiros as respectasen dada a escasa visibilidade que teñen coa máscara. "A xente que ven a ver o Entroido ten que respectar á figura da pantalla e o seu espazo, porque teñen unha visión reducida e son o noso símbolo de identidade", sinala Adriana Jiménez, presidenta da Comisión do Entroido.

A xornada resultou accidentada, polo que dende a Comisión do Entroido criticaron algúns comportamentos das persoas e tamén sinalaron que manterían un encontro coa Asociación A Pantalla para tomar medidas. "Cremos que hai que darlle unha volta xa sexa ofrecéndolle máis información á xente que chega de fóra, colocando máis carteis nas rúas ou habilitando máis espazos para que as pantallas se movan por outros sitios e a xente poida camiñar noutros lados", apunta Jiménez, quen fala da necesidade de buscar solucións para que "isto non ocurra de novo".

 

O camiño das pantalla estivo completamente obstaculizado polas persoas, que non as tiveron en contra. Jiménez asegura que se viviron "momentos de tensión" e di que a xente "non ten que vir a isto". "A afluencia deste domingo foi bestial e houbo xente irrespectuosa. As pantallas viñan e non apartaban", lamenta a presidenta da Comisión do Entroido. Algunhas das pantallas acabaron caendo ao chan, incluso se mancaron nalgúns casos, polas dificultades para moverse ás que se viron sometidas. Este non foi o único problema, xa que tamén podía saír outra persona ferida, como poden ser os nenos.

As pantallas tamén tiveron que soportar que os asistentes as parasen e incluso as agarrasen para que se fixesen fotos con elas. "Aínda que a pantalla non castiga físicamente, non se debe obstaculizar a súa traxectoria. Ninguén se poría diante duns cigarróns ou duns peliqueiros porque saben que poden levar un zamarrazo", recorda Jiménez. O respecto por esta figura, "a autoridade do Entroido", non se pode perde e por iso a actitude dos entroideiros tan que mudar para que as pantallas desfruten da festa.