viernes. 22.11.2024

O Entroido de 2023 xa superou a su primeira proba a pasada fin de semana, co Petardazo e o Domingo Fareleiro, e pronto encara a segunda co Colgamento do Meco e o Oleiro. Polo momento, a acollida foi moi boa, o que demostra que a xente tiña ganas de desfrutar da festa como sempre foi antes da pandemia. Adriana Jiménez, presidenta da Comisión do Entroido de Xinzo, valora este inicio e fala de como quixeron armar o evento este ano.

 

Como valoran dende a Comisión do Entroido a primeira fin de semana da festa?

A nosa valoración é moi boa. O sábado houbo moitísima xente porque o Petardazo, aínda que non era unha tradición, estase convertendo nunha. Cada día acolle a máis xente de todos os lugares de Galicia e a volta que lle demos coa actuación da Gramola cremos que foi acertada. É un día que se está facendo grande e co que tiñamos ata o de agora, igual nos quedabamos xustos. O domingo foi máis do mesmo, con moita xente de todos os sitios e o tempo acompañounos, algo que é súper importante no Fareleiro.

Tras dous anos marcados pola pandemia, como viven a volta á normalidade desta festa?

O Entroido de Xinzo somos nós e, aínda que a pandemia roubounos un, o ano pasado desfrutámolo moito pese as restricións. Neste 2023 é volver a retomar o que tiñamos e o noso Entroido sempre vai ser especial polo que facemos nós. A xente vive todo o ano con ganas de que chegue e despois destes dous anos, aínda máis.

Quixeron aportar algo novo ou diferente para deixar atrás o tempo das retricións?

Hai unha parte inamovible, que é a tradicional e a esa non se lle toca. Logo hai outra máis do que pode ser un carnaval, que cremos ten que evolucionar co tempo. A designación de festa de Interese Turístico Internacional tamén fai que creemos unhas expectativas moito máis altas, porque é unha cousa que hai que manter no tempo, polo que hai que ir modificando esa parte na que si podemos mudar cousas. Podes intentar traer grupos e charangas novas... Isto é algo que intentamos facer sempre, non só este ano porque veñamos da pandemia. O exemplo é o que incorporamos para o Petardazo, coa Gramola. Ese día naceu como unha broma e agora é un día moi importante, no que imos subindo o seu nivel de actuacións musicais, xa que se acabará convertendo nunha tradición máis.

 

Un dos cambios que xerou máis polémica foi o de celebrar o desfile o Martes de Entroido pola mañá. Por que o decidiron así?

O desfile de Xinzo tivo o seu momento de auxe, pero logo decaeu. Non é unha cousa na que a maioría da xente de Xinzo se implique moito, polo que nós buscamos o momento ideal para que sexa o máis vistoso posible e participen. É certo que o Domingo de Piñata era un bo día para facelo, pero como temos premios, se chovese quedamos un pouco tirados ao non podelo levalo a cabo o domingo seguinte. Organizándoo o martes, como sempre foi, se as condicións climatolóxicas non acompañan aínda temos outro día para movelo. Outra das cousas nas que pensamos é que a xente que veña velo, se é pola mañá, aínda pode quedar en Xinzo para comer e iso repercute na hostalaría local ou da comarca, e incluso poden marchar pola tarde para ver o de Verín. Cremos que pode funcionar mellor.

Vano considerar como unha proba?

Si, imos probar. Se sae ben, pois xa o sabemos e se non hai grupos, participantes nin xente que o vaia ver, o ano que vén organízase pola tarde e non pasa nada. Ogallá todos os problemas fosen tan fáciles de solucionar. O certo é que estamos acostumados ás críticas, que doen porque todos traballamos moito e perdemos tempo das nosas cousas, incluso de desfrutar do Entroido ao 100%. O peor é que moitas desas críticas ás veces veñen de xente que está no sofá da súa casa, nin vive a festa e nin lle gusta. Neste caso temos claro que, se sae mal, o próximo ano ponse pola tarde e listo. O Entroido non vai acabar esté a comisión que esté nin fagan o que fagan.

Que é o que máis valoran como comisión?

Sentímonos realizados cando nos damos conta de que merece a pena e, sobre todo, cando vemos á xente desfrutar. Chegar o día do Petardazo e, coma neste ano que se subiu ao palco da Gramola, todas as persoas están felices e contentas vivindo o que organizas, xa que nós damos ás ferramentas para que a xente faga a festa, é moi gratificante. 

ENTREVISTA | Adriana Jiménez: "O máis gratificante para nós é ver que a xente desfruta...