NOTICIAS XINZO | Ramiro Rodríguez non repetirá como cabeza de lista do BNG nas municipais de 2023
Ramiro Rodríguez non será o candidato a alcalde do BNG nas municipais de maio. Rodríguez renunciou a presentar a súa candidatura na asemblea local das nacionalistas que se celebrará este mércores. O concelleiro de Cultura, que continuará no goberno municipal até o final do mandato, foi o cabeza de lista do BNG nas convocatorias de 2015 e de 2019.
No 2019, o BNG obtivo 410 votos e un acta na corporación de Xinzo, que serviu para que as nacionalistas entraran a formar parte do goberno local con Rodríguez á fronte do departamento municipal de Cultura.
Nunha entrevista co Diario do Limia publicada o pasado 16 de xullo, Ramiro Rodríguez remitiu á asemblea local a decisión sobre o cabeza de lista e engadiu: “Non pode atrasarse moito. Vou estar sempre a disposición da militancia de Xinzo e do BNG, sexa quen sexa o candidato, que é o menos importante desde o meu punto de visto. Non é un debate de nomes”.
Ramiro Rodríguez asumiu por vez primeira a candidatura á Alcaldía no 2015, despois das diferentes excisións no BNG a partir de 2012 que, no caso de Xinzo, levaron á renuncia de dous dos tres concelleiros que as nacionalistas mantiñan na corporación. Rodríguez, que nos comicios de 2011 figuraba como número 4 da lista, entrou en substitución de Amador Díaz (hoxe tenente de alcalde, e candidato de AXIL). E Xosé Lois Carreira, número 6 da candidatura, fíxoo por Lucía Novoa. Deste modo, o BNG mantivo 2 concelleiros, mais perdeu o terceiro, xa que Manuel Pérez Campos (hoxe concelleiro de Comercio e sen partido para as próximas eleccións) decidiu conservar a súa acta malia apartarse do Bloque.
Fontes nacionalistas subliñan que Ramiro Rodríguez continuará “xogando un papel clave como concelleiro e dentro da organización en Xinzo”.
No 2015, o BNG sumou algo máis de 500 votos e Rodríguez mantivo a acta na corporación. Fontes da organización nacionalista en Xinzo subliñan que Ramiro Rodríguez, que xa fora concelleiro entre o 2004 e o 2007 ademais de deputado provincial, “asumiu a responsabilidade de liderar o BNG de Xinzo nunha época moi delicada e o seu labor foi fundamental para manter vivo o proxecto nacionalista na vila”.
As fontes enmarcan o cambio no liderado dentro do proceso de renovación que as nacionalistas veñen desenvolvendo en todo o país, e subliñan que Ramiro Rodríguez continuará “xogando un papel clave como concelleiro e dentro da organización en Xinzo”.
A asemblea do mércores determinará o relevo de Ramiro Rodríguez na candidatura á alcaldía. Entre as posíbeis substitutas figuran Alba Feijoo (avogada), Camilo Vila (educador social no CDR O Viso) e o responsábel local do BNG, Carlos Pérez, mais tamén Lucía Novoa (a concelleira que renunciou no 2012).