A entrega será o día 20 de decembro no Casino Antelano

NOTICIAS XINZO | Pilar Cernuda, premio Carlos Casares de Xornalismo 2024

Pilar García-Cernuda Lago, gañadora dos premios de xornalismo 2024.

O Concello de Xinzo de Limia presentou os Premios de Xornalismo Literario Carlos Casares 2024, consolidándose como unha iniciativa cultural de continuidade. Este ano, o certame rende homenaxe a Pilar García-Cernuda Lago, recoñecida xornalista e escritora nada en Santiago de Compostela, pola súa destacada traxectoria profesional e o seu compromiso coa divulgación a través do xornalismo.

A presentación do evento contou coa participación de Amador Díaz, alcalde de Xinzo; Carlos Gómez, concelleiro de Cultura; e Xabier Casares, presidente da Fundación Carlos Casares. Durante o acto, destacouse o valor destes premios para poñer en relevo a figura de Carlos Casares e o vínculo de Xinzo coa literatura e o xornalismo. "Estes premios son un exemplo más do noso compromiso coa cultura, recoñecendo talentos que unen literatura e xornalismo" comentou Amador Díaz.

Amador Díaz, alcalde de Xinzo; Carlos Gómez, concelleiro de Cultura; Ricardo Sieiro, concelleiro de Festexos e Xabier Casares, presidente da Fundación Carlos Casares.

 

Nas súas edicións anteriores, os premios foron outorgados a figuras de gran relevancia, como Alfonso Vázquez-Monxardín na primeira edición, e ao xornalista Antonio Piñeiro na segunda, reafirmando o nivel e o prestixio deste certame. Este ano, o galardón a Pilar Cernuda representa unha homenaxe á súa longa e prolífica carreira, que inclúe a cobertura de feitos históricos e a publicación de novelas e ensaios de gran impacto.

O xurado, composto por 14 mulleres e homes relacionados co eido literario e cultural galego, destaca pola súa diversidade e compromiso coa excelencia literaria. "O traballo deste xurado garante a calidade e o prestixio dos Premios Carlos Casares, converténdoos nun referente no panorama galego" subliñou Carlos Gómez.

Cartel dos premios de xornalismo 2024.

 

Os Premios Carlos Casares son unha mostra do traballo conxunto do Concello de Xinzo e as entidades culturais da zona, fortalecendo a súa posición como núcleo dinamizador da cultura na Limia. "Para nós, manter vivo o legado de Carlos Casares e apoiar iniciativas coma esta é fundamental para o compromiso da Fundación" afirmou Xabier Casares.

A gala de entrega do premio terá lugar o próximo 20 de decembro ás 20:00 horas no Casino Antelano de Xinzo, con entrada libre, e contará con intervencións artísticas e culturais que renderán homenaxe á galardoada Pilar Cernuda e á figura de Carlos Casares.