O frío segue sen dar unha tregua e os termómetros non frean o seu descenso na comarca. Esta mañá rexistrouse a temperatura mínima máis baixa do que vai de ano en Calvos de Randín. Segundo MeteoGalicia, a estación meteorolóxica do municipio rexistrou -10 graos 8:20 horas de hoxe, polo que é a temperatura máis extrema acadada en toda a comundiade.
No que vai de 2023, Calvos de Randín acadou as súas temperaturas mínimas máis baixas na última semana. Este luns chegou a -7,9 graos, pero o domingo fíxoo con -8. Entre o 23 e o 25 de xaneiro, as termómetros situáronse na localidade entre os -6,3 e os -8,6 graos, esta última a mínima máis fría rexistrada antes da marcada hoxe.
En Baltar, o frío tamén se sentiu nas primeiras horas deste martes. A súa estación meteorolóxica rexistrou -7,6 graos ás 6:40 horas desta mañá, cun descenso de case un grao máis con respecto ao luns. Esta non é a temperatura mínima acadada no municipio este ano, pero por pouco. O domingo, chegou aos -7,7 graos.
Xinzo é outra das localidades nas que o frío se instaurou dende hai máis dunha semana. Esta mañá, ás 9:00 horas, a estación meteorolóxica do municipio marcou unha mínima de -6,3 graos, un forte descenso con respecto aos -3,7 acadadados este luns. A temperatura de hoxe é a máis baixa no que vai de ano e só a mañá do domingo, na que houbo -6,1 graos, se lle aproximou.
No resto de concellos da Limia, as temperaturas tamén foron baixas. En Porqueira, a xeada aínsa era visible sobre as 10:30 horas desta mañá, con termómetros que se situaban no -2 graos. As mínimas para este concello no día de hoxe, segundo MeteoGalicia, podían chegar aos -8 graos, igual que nos Blancos. En Rairiz de Veiga, a predición apunta uns -6 graos de mínima, ao igual que en Sandiás, Trasmiras e Vilar de Santos. En Sarreaus e Vilar de Barrio os termómetros oscilaron entre os -5 e os -4.
Esta medianoite volverase activar o nivel amarelo por temperaturas mínimas no sur da provincia, incluída toda a comarca da Limia, onde os termómetros decenderán máis dos -4 graos. O resto da semana manterase coa mesma situación pola influencia dun anticiclón que impide unha subida das temperaturas.