O Pavillón Municipal dos Deportes de Xinzo de Limia ficou pequeno para acoller a todas as persoas que quixeron participar no recoñecemento público ó mundo do deporte. Centos de persoas asistiron á II Edición da Gala do Deporte, organizada polo Concello para premiar a aqueles deportistas, entidades ou clubs destacados, polo seu esforzo, dedicación e entrega.
Os galardoados e galardoadas foron aqueles deportistas que participaron nalgún campionato oficial de ámbito provincial, autonómico, nacional ou internacional, obtendo algún resultado meritorio a xuízo da comisión organizadora da gala, tanto a título individual como por equipos. E, en xeral, aqueles/as nados no concello, veciños e veciñas empadroados con residencia no concello de Xinzo de Limia ou con licencia federativa en vigor con algún club inscrito no rexistro de actividades deportivas.
Dende o goberno municipal queren, con este recoñecemento, transmitir os valores do deporte aos máis pequenos e á poboación en xeral para fomentar a práctica deportiva. O evento foi presentado por Patricia Santana e Pablo Ríos e contou coa actuación do Mago Deimi.