Era un dos puntos estrela do programa de actividades da terceira edición da feira de alimentación e maquinaria Alimagro, en Xinzo de Limia. E, abofé que non defraudou. Centos de persoas foron os que agardaron o resultado da mistura de 2.000 ovos, 150 kilogramos de pataca do lugar e 25 de cebola limiás.
Como explicaba no momento o tenente de alcalde do Concello de Xinzo de Limia, Amador Díaz, a operación comezou xa pola mañá, onde á pataca frita se lle deu un pequeno pase polo aceite quente nas instalacións de Patatas Jalys. Logo, a cada 200 ovos se lles misturaba pataca e cebola, tamén "pochada", ata conseguir encher a tixola elaborada para a ocasión.
Unha vez completa, lume!, ata que chegou o momento máis agardado polo público e máis temido polo equipo de cociñeiros: darlle a volta á tortilla. O elemento metálico e mecánico elaborado para a ocasión tivo algunha que outra dificultade técnica por isto da física e os aumentos de volume que se dan cando soben as temperaturas.
Finalmente, logrouse sobradamente o obxectivo de ofrecer centos de racións de tortilla, pan e viño de Monterrei aos asistentes, que non deixaron de gravar cos seus teléfonos móbiles a elaboración da que xa é a "megatortilla" da Limia.
Diario do Limia non perdeu detalle do acontecido nesta tarde de sábado. Velaquí unha pequena escolma das imaxes do acontecido.