A Escola Rural de Saúde da Limia inaugurou esta fin de semana a exposición "Tecendo en Ganade, a identidade das mulleres e o tecido social nas súas mans", que tivo unha gran acollida. Na mostra víronse algunhas pezas de tea con máis de 150 anos de historia, que foron elaboradas artesanalmente por mulleres.
Esta tarde, o centro social de Ganade volverá abrir as súas portas, a partir das 16:30 horas, para todos aqueles que se perdesen esta mostra téxtil. Esta iniciativa busca manter vivo o legado que moitas mulleres galegas deixaron ás novas xeracións a través dos seus traballos feitos a man.
A inauguración contou coa participación das Rebulideiras de Sarreaus, que coas súas gaitas e pandeiretas puxeron música a esta estrea. Mati Gándara, unha das colaboradoras para que esta exposición fose unha realidade, lanzouse a cantar para rescatar cancións populares.