NOTICIAS A LIMIA | Amador Díaz, na Deputación en busca de apoios para o sector da pataca
“Unha vez máis, este apoio é moi importante para poñer en marcha a maquinaria e acondicionar as pistas. Dende a asociación estamos moi agradecidos polo seu compromiso”, dixo Amador Díaz, presidente da Asociación de Produtores de Pataca da Limia, tras reunirse co presidente da Deputación, Manuel Baltar, segundo informa o ente provincial nunha nota de prensa este xoves.
“A Deputación sempre está en primeira liña de apoio aos sectores produtivos. E neste caso estamos a falar dun eixo vital da nosa economía, como referendan estudos como os realizados polo Inorde e a UVigo que sinalan a pataca coma un produto estrela da nosa despensa”, comentou Baltar, segundo o comunicado.
Desde o 2018 a Deputación comprometeuse coa compra de maquinaria para acondicionar as pistas de acceso ás explotacións de pataca. Nesta ocasión, a partida económica facilitará este traballo mecánico.
A asociación de pataqueiros, xunto cos sindicatos SLG, FRUGA e Unións Agrarias, e a asociación de agricultores e gandeiros da Limia, desenvolveu a semana pasada dúas accións de protesta contra a situación do sector primario e elaborou unha lista de demandas que este luns fixo chegar á Consellería de Medio Rural e ao Ministerio de Agricultura.
A lista de reivindicacións inclúe a petición de incrementar a aposta para potenciar a pataca e o cereal da Limia a través dos consellos reguladores, ademais da bonificación da enerxía nas comunidades de regantes e nas explotacións agrarias.