A Limia exhibe as súas armas no día da unidade
Uns 300 tractores chegados de toda a comarca da Limia percorreron esta mañá durante case dúas horas Xinzo para chamar a atención sobre a delicada situación das explotacións agrícolas e gandeiras dunha comarca que se sente vizosa, forte e con futuro. A Limia, viñeron a dicir os tractores, non a tomba crise ningunha nin un par de gobernos incompetentes. Queremos respostas xa, berraron as oradoras e oradores desde un remolque, convertendo o Toural no escenario dunha revolta do campo contra os grandes especuladores e contra os políticos ananos.
Coidado! Hai vida na Limia, na súa terra, nas súas xentes... Moita. Demostrouno hoxe a veciñanza. Pecharon os comercios. A cidadanía concentrouse despois do mediodía para esperar aos tractores. Acompañalos, diante da caravana quilométrica, protexelos. Un escudo de veciñas e veciños xuntos. A Limia son as patacas e o gando, xeracións enteiras de traballo esforzado. Suor que deixa pegada. A pel curtida. Como esas nenas e nenos que acompañaron aos pais na cabina do tractor. Un día na escola, un día de loita. O día da unidade.
Coidado! Hai vida na Limia, na súa terra, nas súas xentes... “Non somos a España baleirada, nesta comarca hai futuro”, advertiu Amador Díaz, pataqueiro, líder dunha mobilización inmensa, fonda, sentida por todos os agricultores, os gandeiros e os líderes políticos e sindicais que arrimaron o ombreiro onde hai que facelo, na rúa.
Alí, sobre o remolque, dúas horas despois de iniciada a protesta e dándolle voz á terra, estaban Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Xosé Ramón González, das Unións Agrarias, Xosé Manuel Nieto, da FRUGA, que se emocionou en metade da súa alocución; tamén María Teresa Joga, presidenta de Adegal, saudando a primeira a unidade.
Abaixo, entre os agricultores e gandeiros, entre xente do campo e veciñas e veciños de Xinzo, pasadas as dúas da tarde, estaban as alcaldesas de Xinzo, Elvira Lama (líder noutras loitas concorrentes, como a do freo aos eólicos), e de Porqueira, Susana Vázquez, e os alcaldes de Trasmiras, Emilio Pazos; de Vilar de Santos, Antonio Míguez; de Vilar de Barrio, Manuel Conde; dos Blancos, José Manuel Castro... concelleiras e concelleiros, populares, socialistas, nacionalistas, xuntos no día da unidade. Mesmo unha representación desas outras gandeiras e agricultoras que apostan por un cambio de modelo para o campo. Estaba toda A Limia, diversa, afouta e determinada a resistir. É o seu.
Estaba a Limia toda exhibindo a súa forza, esas armas sen munición, os tractores, que sementan e recollen, vestidos con carteis e bandeiras. “A min non me parece lóxico estes prezos, estar traballando para ter perdas, é normal que nos botemos á rúa...”, di Fabián, un dos mozos. “Estamos contra as subidas do gasóleo, dos abonos, da luz... de todo. Se o rural non planta, a cidade non xanta”, di Víctor ao pé do seu tractor, ese tanque sen balas.
A comunidade cos seus tótems, antes a vaca, hoxe o tractor.
Fala Isabel Vilalba e di: “Hai moitas institucións e todas teñen a súa parte de responsabilidade. Señor conselleiro, señor presidente da Xunta, señor ministro, señor presidente do Goberno... parécelles que non temos suficientes dificultades para que poñan medidas enriba da mesa? Necesitamos deixar de ser unha pelota que pasan de Santiago a Madrid, de Madrid a Santiago, e que cada quen asuma as súas competencias e poña as medidas que necesita este sector”.
As medidas están na táboa reivindicativa de 20 puntos que agricultores e gandeiros fixeron públicas o martes. Conselleiros e ministros pódenas consultar picando aquí.
Falan os representantes sindicais da necesidade de que a Lei da Cadea Alimentar se cumpra, se dote de ferramentas para que do texto pase á práctica. Falan contra as facilidades que se lles dan ás eléctricas e as petroleiras. Fala o máis veterano, Nieto, da FRUGA, e non pode evitar que lle salte algunha bágoa. Falan desde a emoción de quen coñece a terra polas mans, e cóidaa e a respecta.
Fala finalmente Amador Díaz, principio e final de todo o que aconteceu hoxe, o presidente da asociación de pataqueiros. É breve. E moi preciso. Arranca: “Fártanse de dicir que o rural esmorece, esa España baleira... Pero o rural non se baleira, porque hai xente moza que quere traballar e quere maneiras”. E remata: “O luns imos repetir o envío das nosas demandas a todas as institucións e darémoslles un prazo de 8 días para que nos chamen. Estaremos esperando a súa chamada para poñer solucións enriba da mesa. Se non recibimos esa chamada, advertimos que os tractores irán a Ourense, a Santiago, a Madrid... e se fai falta a Bruxelas”.
Falou a Limia, falou a terra, a xente que a coñece polas mans, que ten os seus tótems modernos e pide un respecto. Coidado! A Limia séntese vizosa, forte e con futuro. E ten tanques sen munición, armas pacíficas, “un civismo espectacular”, como resumiu Amador Díaz no día da unidade cando atronaron os claxons como había anos que non se escoitaban, e algúns pais puideron compensar ao cativo un día de escola cun día de loita na cabina do tractor.