Corno do Monte renova a directiva e avanza con novos estatutos, pero aínda non cumpre as esixencias da SEIASA

NOTICIAS A LIMIA | Os regantes non se meten présa coa fusión das catro comunidades

Amador Saburido fala con regantes, antes da asemblea de onte da comunidade de Corno do Monte. | FOTOS: Diario do Limia.

Un cento de regantes asociados na comunidade de Corno do Monte reuníronse onte na Casa da Cultura de Xinzo de Limia nunha asemblea na que se ía decidir a fusión coas outras tres comunidades -San Salvador de Porqueira, Lamas-Ganade e Alta Limia- que se han de beneficiar do plan de regadío que afectará a unhas 3.000 hectáreas e dentro do cal se empezaron a acometer xa as obras para algún dos máis de 30 pozos previstos nun proxecto que superará os 23 millóns de euros e que non empezará a funcionar antes do 2026.


A asemblea tiña que cambiar os estatutos para adaptarse as directrices que establece a Sociedad Estatal de Infraestructuras Agrarias (SEIASA), dependente do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, para este tipo de proxectos. E tamén renovar a directiva, actualizar as cotas dos regantes e decidir sobre os termos da fusión. Os estatutos estarán en exposición pública polo prazo dun mes. E a directiva renovouse mantendo a Amador Saburido como presidente. Eses foron os acordos principais.


Mais non se chegou a un acordo a respecto da actualización das cotas. E a asemblea tampouco avanzou decisión ningunha sobre a fusión. En calquera caso, esta é unha condición que pon o SEIASA, que financia o plan de regadío. Amador Saburido explicou hoxe ao Diario do Limia que a fusión será debatida nunha próxima asemblea unha vez que se cumpran os prazos para aprobar definitivamente os estatutos.


Aínda que os prazos dados polo Ministerio eran máis curtos e para o mes de agosto as comunidades deberían ter avanzado na fusión, o certo é que os regantes non se meten présa con esta cuestión. Outras comunidades solicitaron unha ampliación do prazo e nas próximas semanas irán resolvendo o trámite, advirten fontes do sector da pataca. Sobre a mesa aínda está a ampliación da superficie do futuro regadío.


Onte, á entrada do salón de actos da Casa da Cultura, Amador Saburido expuxo un mapa coas máis de mil parcelas susceptíbeis de se sumar ao regadío. Despois de rexistrarse para a asemblea, os regantes detíñanse a considerar os detalles do mapa. A primeira estimación que se ofreceu desde a Administración sobre o investimento que deberán realizar os propietarios para entrar no futuro regadío era de 3.000 euros por hectárea. A Consellería de Medio Rural asegurou nunha reunión en abril en Xinzo que estaba a traballar na procura dun financiamento privado en boas condicións.    


Mentres tanto, as comunidades seguen incrementando o número de hectáreas que se adhiren ao plan. Das 2.500 iniciais (cifra de abril) a Consellería de Medio Rural afirmou que tratará de chegar até as 4.000 que están na zona de regadío. “É rendíbel, e haberá xente que queira alugar e traballar esas parcelas, porque 4.000 hectáreas de regadío son un luxo hoxe en día en España”, manifestou o conselleiro de Medio Rural, José González naquela reunión con regantes das catro comunidades o pasado abril. 

Amador Saburido, no centro, foi reelixido presidente da comunidade de Corno do Monte.

E mentres os regantes de Corno do Monte e das outras comunidades van amodo nos trámites, as obras para perforar e construír os pozos xa comezaron nalgún dos polígonos de parcelas agrícolas. O plan está en marcha. As comunidades, máis activas que nunca. O regadío vai supoñer unha transformación enorme nas prácticas na zona. Pero aínda vai tardar, así que a seca é un problema que respostas perentorias a estas alturas.  


Por outra banda, os pataqueiros confesan que ningunha das Administracións públicas ás que apelaron na manifestación de hai quince días en Ourense deron aínda resposta. Despois da seca, a lista de cuestión urxentes é longa.

Mapa que se expuxo onte antes da asemblea.