NOTICIAS A LIMIA | A Ruta ao Larouco coincidirá o domingo cunha competición internacional de parapente
“Queremos o Larouco intacto, ou polo menos como está hoxe”, demandaban nunha entrevista co Diario do Limia, o pasado mes de xaneiro comuneiras afectadas polos diferentes proxectos eólicos na serra raiota. Uns días despois, unha marcha veciñal xuntou medio cento de persoas en defensa do monte. A alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, participou daquela andaina e agora, cinco meses despois, apoia a seguinte acción para poñer en valor outras potencialidades do Larouco diante da ameaza eólica.
“La Sierra del Larouco es percibida y definida como un espacio de elevado interés natural que integra componentes de gran belleza escénica, favorable para pasar el tiempo de ocio y para la práctica de diversas actividades en la naturaleza. Este aspecto supone una ventaja de partida en su necesaria dinamización territorial”, sinalaba un estudo académico publicado no 2017 na revista Anales de Geografía de la Universidad Complutense, que foi incorporado pola plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova nas súas alegacións contra o proxecto de Iberdrola de construír unha liña de alta tensión de 11 quilómetros que atravesaría a vertente norte do Larouco. Ese informe sostén que é “evidente” que entre a veciñanza é común a idea de “que hay muchos recursos turísticos sin utilizar, en estado latente”.
O próximo domingo, coa colaboración do Concello de Baltar, o Concello de Xinzo, a Deputación e a Xunta de Galicia, o Club de Montaña as 4 Torres e o Club Parapente Baltar organizan a Ruta Gudín-O Larouco, 15 quilómetros de camiñada desde a localidade de Xinzo até a zona de despegue do parapente no termo municipal de Baltar. A andaina coincidirá cunha competición internacional de parapente: o Open Ibérico Cross. O regreso do parapente ao Larouco, unha modalidade deportiva que se mobilizou en Galicia, España e Portugal en xaneiro pasado contra os plans de Iberdrola para a serra, marca unha nova estratexia (polo momento, con apoio institucional) na reivindicación do Larouco como unha área libre de eólicos.
Baltar converterase nunha festa do parapente esta fin de semana. O sábado e o domingo está programado, en paralelo co Open, un encontro eólico que encherá o ceo da serra de afeccionados. Os remontes están previstos entres as 12:30 e as 18:30 en cada unha das dúas xornadas. A zona de despegue variará en función do vento. Até a zona norte (na parte galega) é onde ascenderá a andaina o domingo.
A andaina salvará un desnivel duns 500 metros nos 15 quilómetros de percorrido entre Gudín (a uns 700 metros de altitude) e a zona de despegue (ao redor dos 1.200). A inscrición custa 10 euros e pode realizarse na seguinte ligazón: https://inscripciones.galitiming.com/inscripcion/ruta-gudin-baltar-2022/?lang=es.
A saída está prevista para as 09:30 horas do domingo desde a Igrexa de Gudín.