NOTICIAS A LIMIA | O PP leva ao pleno de Calvos a petición de moratoria eólica no concello
O pleno deste luns en Calvos de Randín celebrouse coa presencia do alcalde, tres concelleiros (un deles, o único da oposición) e o secretario, que advertiu ao Diario do Limia de que non se podía facer gravación de audio nin de vídeo da sesión. O PSdeG-PSOE reforzou a súa maioría absoluta nas municipais de hai tres anos deixando ao PP cun só representante. Aquilino Valencia leva 15 á fronte do concello.
No salón de plenos, onde a fotografía que preside segue sendo a de Juan Carlos I, o alcalde deu conta dos asuntos ordinarios despachados nos últimos meses (multa da CHMS por vertidos nunha fosa séptica en Santiago de Rubiás, achega para as festas e foguetes en Rubiás, trámite do obradoiro en colaboración cos concellos do Blancos e Baltar, contratación indefinida tras sentenza).
Despois, José Antonio Valencia, o concelleiro do PP, presentou un escrito do Sindicato Labrego Galego (SLG) cunha proposta para que os concellos en zona reserva da biosfera, como é o caso de Calvos de Randín, se adherisen a unha moratoria á instalación de polígonos eólicos. A proposta fai parte dunha campaña a nivel estatal. En Galicia foi rexistrada en 82 concellos, entre eles, Bande, Lobeira, Lobios, Entrimo, Muíños e Calvos de Randín, segundo informou esta mesma mañá o SLG. E hai unhas semanas foi debatida e apoiada polo pleno municipal de Entrimo, tamén gobernado polo PSdeG-PSOE.
O alcalde, que xa a semana pasada dixo ao Diario do Limia que non tiña constancia do rexistro desa iniciativa, recolleu o documento e leu a primeira parte. E fixo unha proposta de acordo, “estudar a petición e contestala segundo o acordo que se tome”. Os dous concelleiros do grupo de goberno e o do PP asentiron.
O proxecto de Greenalia: Lamas de Feás
A continuación, o representante do PP insistiu na cuestión eólica. E preguntou cando tivo coñecemento o goberno local do proxecto de Greenalia para instalar un polígono denominado Lamas de Feás, que afecta aos concellos de Baltar, Calvos de Randín e Os Blancos. O alcalde dixo que foi a finais de marzo, mais engadiu que xa había “un proxecto antigo” e aventurou que a promotora xa debía ter avanzados algúns trámites para que a Xunta considere agora a infraestrutura de utilidade pública e “lle dea prioridade”.
“Non depende de nós. Non ten sentido o que poidamos dicir aquí cando depende do Consello da Xunta”, sostivo Aquilino Valencia. “O papel do concello é de mero trámite, o proxecto non afecta bens do Concello de Calvos de Randín. E á hora de expedir a licencia de obra, se cumpre toda a normativa, vai adiante”.
Desde a oposición, e despois de que nunha reunión de comuneiros o venres pasado en Feás (na que tamén participou o alcalde) a maioría expresase reparos ao proxecto, José Antonio Valencia, advertiu que “a xente está preocupada polos efectos que poidan ter os aeroxeradores e porque hai pouco tempo para alegar e nin se sabe por onde coller a documentación”.
O alcalde confesou que “desde o corazón, prefiro os montes limpos como están a velos con eses monstruitos”. Matizou que falaba “a título persoal” e continuou dicindo que “logo vén a realidade da vida e o que non podemos é vivir sen enerxía se non queremos volver ao candil...”
O rexedor despachou finalmente a cuestión poñendo por diante os intereses dos propietarios dos terreos afectados e deitando sobre eles a responsabilidade da actitude que deberá tomar a institución municipal. Manifestou Aquilino Valencia: “Non lle podo dicir á xente que alegue, que reclame, que vaia ao xulgado, porque ao final vai ter igual o parque eólico, pero sen axuda, porque viría unha expropiación. Non vai valer de nada, poñamos como nos poñamos o parque eólico vai ir adiante. Eu non me vou botar esa responsabilidade enriba. Informar si, ao cento por cento, pero a decisión que tomen será responsabilidade deles. O Concello, haxa negociación ou haxa expropiación, vai ter os mesmos ingresos polo parque. E, co que decidan, o concello estará de acordo”.
O goberno municipal de Calvos de Randín, polo visto está semana, non ten entre os seus plans presentar oposición ao proxecto de Greenalia. Tampouco os gobernos do PP en Baltar e Os Blancos. O único representante da oposición en Calvos, José Antonio Valencia, é unha illa na comarca da Limia (a outra está na corporación de Vilar de Barrio). Mais non é o único político do PP, nin en Ourense nin no país, que se opón aos eólicos no seu concello.