O asunto pasou polo último pleno da Deputación, o último venres de maio, sen facer moito ruído. Mais para Xinzo de Limia, tanto para o goberno local como para a oposición (así o manifestou Carlos Gómez ao Diario do Limia a semana pasada) é unha cuestión primordial. O Museo Galego do Entroido (MUGAE) podería volver abrir as súas portas este verán despois de seis meses pechado.
Nese pleno provincial de maio, a alcaldesa de Xinzo e deputada do grupo socialista, Elvira Lama, arrancou do presidente da Deputación, Xosé Manuel Baltar, dous compromisos. O primeiro refírese a unha cuestión de trámite. O goberno Baltar xa puxera en marcha un modificativo de crédito de 20.000 euros para adxudicar a unha empresa a xestión do museo.
A resposta do presidente foi que esa partida entrará en vigor agora en canto remate o prazo de exposición pública da modificación, e inmediatamente se procederá a contratar empresa.
Elvira Lama lembra que o MUGAE leva pechado desde decembro pasado (apenas abriu uns días durante o Entroido) e que a contratación xa se debía ter feito hai anos, dado que desde o 2019 está redactado, pola Secretaría da Deputación, un prego administrativo para poder adxudicar a xestión cultural do museo a unha empresa, que incluiría, ademais da xestión, ocuparse do proxecto museístico. Todo iso coa intención era que o museo entrase a formar parte da Rede de Museos da Xunta.
O segundo compromiso que Baltar adquiriu no pleno foi que nos próximos orzamentos da Deputación haberá unha partida para contratar esa xestión externa. En opinión de Elvira Lama, os 20.000 euros do modificativo servirían para manter o servizo este ano e durante os primeiros meses do próximo, até que se fagan efectivos os orzamentos de 2023, que a Deputación adoita aprobar en setembro.
“É unha resposta satisfactoria? Pois non de todo. Porque sabemos que a Deputación non é precisamente especialista en temas culturais. Ten varios museos, e algún deles tamén pechado. Non queremos que iso pase co MUGAE”, di Elvira Lama.
O Concello de Xinzo ten asinado desde o 2019 un convenio coa Deputación "en réxime de servizo supramunicipal de competencia provincial". O motivo do convenio foi, no seu día, a imposibilidade do Concello de Xinzo de ter persoal propio asinado á instalación e a posibilidade de que a Deputación puidese contratar persoal para ter o Museo do Entroido aberto ao público. Neste tempo fixéronse dous contratos de servizos para ter unha persoa que desenvolve tarefas de portería, limpeza e guía, entre outras.
REVERSIÓN
Elvira Lama reclama da Deputación que proceda a adxudicación para que se desenvolva xa “a xestión real e verdadeira, que lle corresponde ao único museo do Entroido de Galicia”. De demorarse esta actuación, Lama mesmo pensa en accións máis contundentes.
“Si, poderiamos pedir a reversión ao concello da xestión, e tratar de xestionala desde Xinzo a través dalgunha asociación. O que non queremos de maneira ningunha é que o museo continúe pechado”, ameza a alcaldesa.