jueves. 21.11.2024

Fernando é de Cangas do Morrazo. Mais vive na Limia desde hai vinte anos. Conta que compraron unha casa vella en Mosqueiro (Vilar de Santos) e toparon cousas aínda en uso. Entre elas, cestos.


“Sempre fun da idea de que hai que utilizar o que temos na terra, materiais e recursos autóctonos”, conta Fernando ás portas do Museo da Limia. Na man leva un cesto (feito a medias). É sábado e acaba de rematar a segunda xornada do obradoiro de cestería. “Apunteime porque me gusta a artesanía, mais nunca traballara os vimbios, e mire: en catro sábados, unhas 8 horas, penso que terei rematado o meu primeiro cesto”


As alumnas e alumnos van saíndo. Dentro queda Sergio Moreno, o cesteiro, recollendo os restos de dous feixes de vimbios que utilizaron esta tarde. Taller no patio. Porque vai calor e hai moi boa luz. A Sergio bótanlle unha man outros artesáns que comparten espazo no Museo. O Museo está recuperando a actividade.


Arriba, na segunda planta, está recreada unha lareira, cunha labrega de cartón pedra e sen fume ningún, claro. Contra o muro, discretos, pousaron dous cestos cun fondo de palla. Non son dous cestos calquera. 


Son cestos feitos cunha técnica concreta. Unha técnica que Sergio, o cesteiro, aprendeu na Escola de Artesanía Santa Mariña de Augas Santas en Allariz. Alí seguiu as mans dun mestre que xa morreu. E en Allariz montou o seu taller (chámase Será por Vimbios). Agora está no Museo, e tamén descubriu un home, “xa maior”, que coñece a técnica, un dos alumnos que acudirá á sesión do domingo.


A técnica denomínase Telada de Rairiz. Consiste en ir trenzando vimbios, 24 na base, despois 48 e despois máis até o nó e as asas. Trenzando sen un so empate. De abaixo arriba, un cento de vimbios da chaira. 

SERGIO. Cesteiro. Vimbios. Museo da Limia (1)
Sergio Moreno, este sábado ao rematar o obradoiro no Museo da Limia.


“É un cesto moi resistente”, di Sergio mentres mostra o groso nó que remata a base. “E non só carga peso, ao non ter empates, a superficie é lisa e non corta os alimentos. En cada parte do país teñen os seus cestos, os mariñeiros tiñan os seus para o peixe... Cada un coa súa forma de traballar o material, pero esta técnica é única. Coñecina na Escola de Santa Mariña, mais até chegar aquí, ao Museo, non vira un cesto vello feito así”


Sergio conta que hai uns vinte anos descubriu nun vídeo que recompilaba traballos de cesteiros de toda Galicia un home traballando a mesma técnica da Telada de Rairiz. Agora ten un alumno que tamén coñece a fórmula. E non ten constancia de ninguén máis, nin de que se vendan cestos así. 

A técnica denomínase Telada de Rairiz. Consiste en ir trenzando vimbios, sen un so empate. De abaixo arriba, un cento de vimbios da chaira. 


Malia a lareira sen fume, o Museo da Limia é un museo vivo. O obradoiro de cestería durará catro semana. Despois están programados un de tear, outros de olería, instrumentos musicais, xoias, máscaras de Entroido.

Cestería. Museo da Limia. Telada de Rairiz (1)
O modelo para os aprendices, no patio do Museo. 


O Museo ten unha exposición (e venda) dos obxectos dos artesáns. Abre os sábados e os domingos (de 11:30 a 13:30, e de 16:00 a 18:00) en Vilar de Santos. Conserva unha pequena historia social da Limia a través das ferramentas e dos oficios. E agocha pequenas sorpresas. Todo o que contén é relevante, como eses dous discretos cestos, e ademais é noso. Inda que sexas de Cangas. 

NOTICIAS A LIMIA | Recuperan a telada de Rairiz no obradoiro de cestería do Museo da Limia