sábado. 23.11.2024

Noemí Vázquez Nogueiras (Piñeira de Arcos, 1982) é tabernícola e profesora de portugués. Fundou a Arca da Noe en Vilar de Santos no 2014 despois de ter participado no proxecto da Corte dos Bois, taberna cultural en Santa Ana (Sandiás). “Saín en decembro da Corte, e topei este local a través dun amigo, en febreiro xa estaba falando co Oterino, o dono, e abrín o 1 de agosto de aquel ano”. Mañá sábado a Arca da Noe celebra a festa do seu oitavo aniversario.


Que é a Arca da Noe?
É unha mestura de cousas. É unha sala de concertos, é tamén unha taberna, é un sitio de convivio para xente de todas as idades, tamén é sala de exposicións, damos comidas promovendo o produto local... Necesitas todo iso para poder sobrevivir. 


Ultimamente engadistes o espazo Carabuñas?
Foi a raíz da pandemia. É unha carballeira cedida polo Concello de Vilar de Santos á empresa Carabuñas, que se dedican a elaboración de marmelada de sabugueiro. Está moi próxima ao local. Eles deixáronnola para poder seguir facendo actividades. Estamos pensando en facer alí a festa de aniversario. 


Na celebración mañá sábado do oitavo aniversario da Arca está previsto que tomen parte A Pedreira, Emilio Faryna e João Gentil e Los Jinetes del Trópico. Comezará á unha da tarde e rematará á noitiña. 


Que lembras dos primeiros anos da Arca?
O primeiro concerto. Foron Narf e Uxía. O 23 de agosto de 2014. Veu unha morea de xente. Foi un pouco caos, a verdade. Pero desde aí non paramos. Estivemos facendo concertos cada fin de semana. Estaremos polos 100 cada ano. No primeiro aniversario estivo María Fumaça e volveu Uxía, e houbo unha foliada enorme. E xa no 2016 fómonos nun bus a Pontevedra a recoller o premios Martín Códax á mellor sala de concertos do país...


Nun autobús?
Si! Xuntamos ás amigas e amigos da Arca. A xente que está connosco é fundamental. Botan unha man no que faga falta. Son fundamentais. Por iso fomos todas, trinta e pico.


O éxito foi inmediato.
Isto non sae de súpeto, da nada. Hai un traballo detrás. Eu levo desde os 15 anos en asociacións culturais. Pasei pola Esmorga, en Ourense... viña da Corte. Daqueles anos lembro tamén ás Malvelas, de Mos, que penso que estiveron no 2017, nunha foliada aquí na praza tamén moi grande. E o ano seguinte debeu ser cando estiveron José Afonso e Luis Pastor. No 2018 tamén viñeron as Tanxugueiras. Para o quinto aniversario, no 2019, veu Rosa Cedrón e Nao. 

Arca da Noe aniversario (3)
Noemí Vázquez fundou a Arca da Noe en 2014.

Como vos foi no ano da pandemia?
Resistimos moi ben. Estivemos pechadas tres meses desde marzo. Fixemos actividades virtuais, desde a casa. Así celebramos o 25 de abril e os Maios. Cando volvemos, cambiamos un pouco o modelo. Empezamos coas ceas-concerto. Con todo aberto e moito frío e mascaras, claro. Apareceu a posibilidade de usar o espazo Carabuñas... Teño que recoñecer unha cousa: tiven medo de que a Arca desaparecera. E decidimos facer algo.


Que fixestes?
Aínda estamos nela. Estaba por aquí Sergio Tannus, que é un músico brasileiro que ten un estudo de gravación, e outra xente. Decidimos facer un libro-cd con diferentes músicos que pasaron por aquí mesturados entre eles. As gravacións están feitas, queda algún vídeo. Son 19 temas, con máis de 40 músicos e gravacións en diferentes puntos da Limia. Xuntamos 17.000 euros nun crowdfunding e algúns concellos han axudar tamén. Esperamos presentalo para decembro. Era a nosa forma de deixar algunha pegada, física, se a Arca da Noe non resistía.


Quen falta, entre os músicos do país, por pasar pola Arca?
Sés. Até hoxe foi imposíbel. Levo detrás dela desde os tempos na Corte dos Bois. Sés é a única que aínda non pasou pola Arca. Porque Mercedes Peón non deu concerto... tamén nos falta ese. Pero si que estivo tocando nalgunha foliada. 

Arca da Noe aniversario (3)
A Arca presentará a finais de ano un libro-cd con músicos que pasaron polo local.

De fóra do país, quen tiveron máis éxito?
A min os que máis me gustaron foron Pedro Pastor e Suso Sudón, que viñeran un luns de novembro porque non podían outra día... e xuntamos 100 persoas. Pero o que quero dicir é quen me gustaría que viñese... 


Adiante.
Gustaríame traer un concerto de Silvia Pérez Cruz. Presentáronma un día... 


De onde vén a aposta polo reintegracionismo?
Eu teño naturalizada a escolla. Empecei a ser reintegracionista no 2003. É a mesma lingua, as diferencias son fonéticas. Acabamos de lle facer unha homenaxe a Estraviz, que é “familia”, forma parte das alimañas da Arca... é unha persoa moi próxima e que ten feito un traballo enorme, por riba das capacidades humanas, en prol da lingua.


Como se sobrevive a contrafío de tantas correntes culturais?
Pois supoño que pensando que se pode cambiar o mundo mudando algunha peza do puzzle este que nos tocou vivir.

ENTREVISTA | “Gustaríame traer un concerto de Silvia Pérez Cruz”